Dous políticos profesionais de alto nivel, en segunda actividade, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, ex presidente socialista de Estremadura, e Juan Costa, que foi ministro de Aznar, analizaban antonte na radio a situación. A situación político-xudicial, cal vai ser. Os dous celebraban que se aclarasen as cousas, que fose a prisión quen tivese que ir, pero tamén destacaban que hai soamente 17 alcaldes condenados xudicialmente en España sobre un total de oito mil e pico concellos. Unha porcentaxe mínima, razoaban. Un de cada 500, máis ou menos, bótolle eu. Non sei cantos condenados por delitos penais hai en España, pero para que gardasen esa mesma mínima proporción terían que ser 90.000. Claro que, non sei se penalmente, pero eticamente non é o mesmo que delinca un individuo normal que unha autoridade. E desde o punto de vista do esforzo, tampouco. Asaltar un banco, por exemplo, pode parecer doado, pero non debe deixar de ser un trago. Deixarse convencer para recibir unha presada de cartos por tomar unha decisión ou outra debe ser máis levadeiro, conciencia aparte.
Buscando a Berlusconez
02 Luns Nov 2009
Publicado en Si home si