Buscando a Berlusconez
Dous políticos profesionais de alto nivel, en segunda actividade, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, ex presidente socialista de Estremadura, e Juan Costa, que foi ministro de Aznar, analizaban antonte na radio a situación. A situación político-xudicial, cal vai ser. Os dous celebraban que se aclarasen as cousas, que fose a prisión quen tivese que ir, pero tamén destacaban que hai soamente 17 alcaldes condenados xudicialmente en España sobre un total de oito mil e pico concellos. Unha porcentaxe mínima, razoaban. Un de cada 500, máis ou menos, bótolle eu. Non sei cantos condenados por delitos penais hai en España, pero para que gardasen esa mesma mínima proporción terían que ser 90.000. Claro que, non sei se penalmente, pero eticamente non é o mesmo que delinca un individuo normal que unha autoridade. E desde o punto de vista do esforzo, tampouco. Asaltar un banco, por exemplo, pode parecer doado, pero non debe deixar de ser un trago. Deixarse convencer para recibir unha presada de cartos por tomar unha decisión ou outra debe ser máis levadeiro, conciencia aparte.
Aquí temos o misterioso caso de Castro de Rei, no que as autoridades xudiciais non desvelan un enigma que ten mesmo sorprendida á oposición sobre os presuntos motivos da operación policiaco-xudicial, mentres o resto da cidadanía galega está non menos pasmada polo descubrimento das ocultas potencialidades especulativas dese concello. Pero o asunto Santa Coloma de Gramenet é de libro. Xa se sabe ata os presuntos millóns de beneficios que obtiveron (ben, presuntos non son os millóns, sono os métodos ilegais para obtelos), e tamén como a xustiza acudiu con anos de retraso sobre a vox pópuli, aínda que acudiu. Porque a impresión é que soamente é a conciencia individual, non o temor ao castigo penal/social, o que impide que as autoridades metan as mans na caixa ou na transferencia bancaria a un paraíso fiscal. Que a posibilidade de que cachen nas patacas a unha autoridade é ben remota, por moito que a actividade pataqueiral sexa notoria, quitado que entre no radio de acción do hiperactivo e omnipresente xuíz Garzón. Hai tanta impunidade que me permito matizar aos dous Juanes semirretirados politicamente e apuntar que esa porcentaxe de 1 de 500 mide a eficacia xudicial, non a honradez municipal.
Houbo un momento en que os políticos tiñan que combinar o ser e o aparentar. Hai tempo en que o de ser quedou confinado a románticos da cousa e políticos que son recoñecidos logo de que o deixan. Ultimamente parecía que o único que necesitaban é aparentar, pero xa nin iso. E aí está o exemplo dos comportamentos colaterais do caso Gürtel (ou de cómo é socialmente máis grave ser un sobrado e un chulo nas conversas telefónicas que roubar). E sobre todo, deixando o campo da crónica penal polo do espectáculo esperpéntico, o de Caja Madrid, un circo que noutras épocas máis desconfiadas provocaría unha aglomeración de clientes nas sucursais e unha estampida de fondos. Non son tan inxenuo como para pensar que cartos e política estaban tan separados na práctica como o estaban na teoría, pero a calquera lle sorprende tanto descaro en quen está onde está pola confianza que depositou neles a xente.
Estou tan estupefacto que ata estou de acordo con Aznar cando dixo que como isto siga así os políticos non poderán saír á rúa porque a xente os vai acantazar. Estanse a dar as condicións para que se xeneralice o descrédito nas institucións que deu lugar á dexeneración populista na que está Italia. O único que pasa é que aquí, de momento, non hai un Berlusconez.
(La Opinión de A Coruña, 31 de outubro de 09)



A democracia non pode estar definida pola existencia de urnas e votantes. Algúns pensamos que a define mellor «o ser e aparentar» (na actividdae política). E senon que llo pregunten ós atenienses (ou ós romanos,con poder claro, padres putativos da prostitución republicana). Polo demais hai que recoñecer que aínda fican periodistas (ademais do Portugal).
Xaquín
2 Nov 09 at 10:07 p.m.
Curiosa cita sobre o tema (e sobre outro aspecto da tertulia que non mencionei: «todos nos podemos equivocar», dicían) que atopei procurando outra cousa:
Díxoo en 1993 o banqueiro e membro do Opus Luis Valls Taberner
sihomesi
4 Nov 09 at 2:17 p.m.
Totalmente de acordo con D Luis. E non é o único elemento de dereitas que dí algo moi sabroso (como hai casos nas esquerdas que é moito mellor esquecer). Aclarar un pouco o de «aparentar», xa que ficou o verbo algo «impreciso»: non se refire á fachenda ou presumir de socialista e logo «facelas e facelas». Refírese ó dito sobre a muller do César (eso que tan ben están representando nestes días no monárquico Madrid, pena dun shakespeare!).
Xaquín
4 Nov 09 at 9:00 p.m.
Curiosamente, o meu comentario serodio viña nunha liña próxima a esa cita. Se hai 17 alcaldes condenados de 8000… ¿cantos empresarios debería de haber condenados (por delitos relacionados coa súa xestión) para manter a proporción?
En fin, o problema é que a solución podería ser a fiscalización exhaustiva do patrimonio dos cargos públicos, se non fose porque a lección quedou ben aprendida co caso daquela prodixiosa empresaria de Lalín que tiña un fillo traballando na Xunta, o Cuíña Crespo inmortal.
F. Míguez
10 Nov 09 at 9:36 p.m.