Etiquetas

, ,

Hai días coma este no que non sei de que escribir. Porque, igual ca o burro de Buridán, que morreu de fame por non darse decidido a escoller cal herba pacer, non sei a cal de dúas obviedades importantes atender. Igual que o tal burro, se non me decido non como, pero cheguei a conclusión que o do decreto do galego é a estas alturas non é outra cousa que claro un exemplo de obstinación asnal-gubernamental, así que me vou centrar no outro. Na concertación social que parece que os chamados axentes sociais (aguilloados polo Goberno) van afrontar.

O primeiro paso para a concordia deuno o experto que na patronal se encarga dos estudos económicos, que oportunamente se apelida Feito. Feito, só ou con axuda de outros, chegou á conclusión de que a destrución do emprego en España ten a súa causa en que os salarios e as indemnizacións por despido son dos máis altos de Europa. Así que a mellor maneira de rematar co paro é baixar os salarios e as indemnizacións. A Feito non lle falta razón en que, posiblemente, se os empregados traballaran pola metade dos soldos actuais, ou pola comida, habería máis contratos, pero acábaselle aí, ou mesmo antes. Eu imaxino que, en liñas xerais, os empresarios teñen os empregados que precisan, e non terían de máis por moi baratos que lles saísen. O máis difícil de entender é por que habería menos despedidos se fose máis barato despedilos.

Segundo Feito, a súa argumentación baséase en “simples leyes de la aritmética”, o que non deixa de ser un consolo para os que doutras non entenderemos, pero destas si. O día anterior, Adecco, que é unha multinacional do traballo temporal e de salarios algo debe saber, sinalaba que o soldo medio bruto aquí era de 21.500 euros anuais, a metade exacta que en Alemaña, Holanda ou o Reino Unido, e mesmo un 20% menos ca media da UE (27.036 euros), onde hai países ricos pero tamén ben máis pobres. Segundo as leis da aritmética que sei, 21.500 é unha cifra inferior a 27.036, e tamén a 40.000. (Xa postos, segundo o INE, o salario medio dos galegos é de 1.313 euros mensuais, creo que inferior aos 1.908 euros que cobran en Madrid, e penso que tamén aos 1.538 da media española. Claro que a cambio non teremos que gastar en academias e viaxes para aprender inglés). E non debe ser máis complicado ou caro despedir aquí ca en Europa, porque aquí os contratos temporais, os que se despiden eles soíños, son o 32%, e en Europa o 12%.

Eu non quixera contribuír a que o señor Feito pase a formar parte dos despedidos, co caro que probablemente sairía botalo, pero o que posiblemente ocorre é que a Comisión de Economía da CEOE soamente ten un estudio, que airea en canto llelo piden. Porque haxa frío ou calor, vacas gordas ou fracas, o remedio que propoñen é sempre o mesmo: baixar os salarios e abaratar o despido. Certo é que unha herdanza do franquismo son unhas boas condicións laborais para unha minoría de traballadores (xunto coa inoculación da mansedume no código xenético do común dos asalariados) e habería que igualar condicións. E que o sistema laboral é inextricable. Pero tamén se herdou un crecemento empresarial moito máis baseado no aproveitamento dos contactos e oportunidades de todo tipo que na estrita competitividade do produto ou servizo ofertado. Ou sexa que a maiores de mirar para as pallas nos ollos dos demais, hai que revisar os propios. Á conclusión de que ás empresas lles iría mellor se a xente traballara máis e cobrara menos chega calquera burro, sexa o de Buridán ou presida algo.

(La Opinión de A Coruña, 23 de xaneiro/ Faro de Vigo, 26 de xaneiro)

About these ads