Cristiano Ronaldo e o PP de Ourense
Bótenlle un ollo aos temas que ocupan os espazos e os tempos máis destacados dos medios de comunicación, e polo tanto, aos asuntos que lle presuntamente lle interesan á cidadanía. E se non, bótollo eu, que para iso estou: a sanción de Cristiano Ronaldo, a elección de presidente do PP de Ourense, a rebatiña por acoller un almacén de residuos radiactivos e o iPad, ese novo trebello. A primeira vista, todo parecen novidades, pero como explicaba Vladimir Propp, un teórico do conto (refírome a un teórico lingüístico do conto popular), toda canta novidade ou conto haxa non é máis ca unha repetición das tramas de sempre. A realidade imita á arte, pero mal.
O de CR Superstar dividiu ao mundo occidental en dúas liñas de pensamento: os que pensan que é un macarra que debe apandar con dous partidos de sanción e os que pensan que é un macarra marabilloso que debe ter barra libre para desenvolver a súa arte e vender camisetas e gayumbos. É un episodio máis da fascinación polo canalla, como a atracción que temos polo pirata John Silver en A illa do tesouro, polo capitán Renault de Casablanca ou polo Harry Lime de El tercer hombre. O que pasa é que ultimamente baixamos un pouco o nivel niso de poñer nos altares a xente común. Que é común de máis. Non só CR. Pasa tamén con Belén Esteban, a nova “princesa del pueblo”, como lle chaman. Entendería esa identificación que provoca en determinados ambientes se a mala, a Campanario, tivese algo. Que fose unha aristócrata escuálida e elitista, ou polo menos unha loura filla de rico, e non unha gordecha do montón que lle anda a amañar a pensión de extranjis á nai. A loita fratricida á que sempre se deixan levar as clases populares.
Exactamente o mesmo que a elección de presidente do PP de Ourense non deixa de ser unha das moitas loitas fratricidas que enchen a literatura desde a Biblia. Como os dramas de Shakespeare, está chea de sangue, proclamas e traizóns (e esa peculiar forma que ten o PP de entender e practicar a democracia interna: os mesmos métodos son lícitos para captar votos da xente, pero non para captar votos dos militantes. O apoio de Louzán ao candidato Feijoo foi irreprochable, o de Baltar ao candidato Baltar, impresentable). Sen embargo, recoñezan que a loita pouco exemplar entre o mellor representante daquela teoría fraguiana de que os fillos de políticos teñen mellor preparación e un alcalde discreto que terá outros méritos, pero o que se lle coñece é o valor de presentarse voluntario cando llo pide o mando superior, non acada as dimensións do enfrontamento Feijoo-Cuiña, aquela disputa telúrica entre o señorito apadriñado e o delfín traizoado, tan intensa como a de Joseph Cotten e Gregory Peck en Duelo al sol. Que o que estea en disputa sexa agora o liderado dunha organización provincial e non Jennifer Jones rebaixa aínda máis a épica.
E non me digan que o da poxa municipal para albergar o almacén temporal de residuos case eternos, un capítulo máis da conmovedora historia das autoridades que agardan que alguén veña e amañe todo, non lles recorda a Bienvenido, Mister Marshall. Eu sempre pensei que unha decisión deste tipo tiña máis condicionantes técnicos que o simple desexo de notoriedade duns gobernos municipais, a ansia irrefreable de ganar eleccións, aínda que sexa municipais, ou o vicio de atraer cartos, veñan de quen veñan ou para o que veñan. Pero debe ser que non, co que a tirapuxa residual pon ao sistema político español á altura de… El camarote de los Hermanos Marx?, Sopa de ganso? En canto ao iPad, é o engado máis vello do mundo: algo ben bonito pensado para que ti fagas o mínimo e consumas ao máximo o que fan outros.
(sábado, 30 de xaneiro de 10)



Sr.Sihomesi :Nótase que non lee o Faro, tampouco o Atlántico diario e non escoita Radio Vigo ou olla televigo ou Localia Vigo porque senon decataríase que o único que pasa no mundo mundial éche a fusión ou mellor dito : a non fusión.
E de entender que tampouco se decatase de un novo curioso fenómeno paranormal que se leva producindo nesta aldea do sul: O noso queridísimo Alcalde fala coa cidade e a cidade fálalle. E a cidade dille que hai que convocar as masas viguesas a manifestarse contra o aldraxe feito polo pp e o bng.
As nosas oracións foron escoitadas e o psoe que sempre vela por nos, escoitou as nosas pregarias e o Presidente verdadeiro, chamado Zapatero, coa intercesión do Santo, non San Roquiño, senon Pepiño o de Lugo, van a poñerlle un escrito o sagrado consello de ancians españois, chamado tribunal constitucional, e ¡asunto resolto!
Ou sexa que tranquilos, mentras o resto do mundo anda co Cristiano e demas leiras, por estes lares novémonos polas altas esferas…..
alvarez
1 Feb 10 at 7:23 p.m.
Señor Álvarez,estase vostede a alegrarse de máis.A mao de Méndez é moi longa.Polo de agora xa fixo que a UPG dixera que ese fato de señoritos e ineptos son a Banca Nacional Popular Galega e que o PP dixera que o neoliberalismo non leva a ningures a esta nación(ou dixeron país)chamada Galicia.
A loita continua!
Alfonso Pardo
2 Feb 10 at 3:37 p.m.
O dos alcaldes nucleares, a min, lémbrame bastante a aquela de Paco Martínez Soria tan repetida en TVE, “El Turismo es un Gran Invento”, ou algo así. Algunhas cousas, en España levan 40 anos sen mudar. Ou tal vez 400.
F. Míguez
2 Feb 10 at 6:20 p.m.
Sr. Pardo: Podo asegurarlle que mais que contento estou con niveles demasiado altos de repugnancia. Non hai cousa que me moleste mais que escoitar día si e día tamen, o de Puentearenas desplegando o pensamento Lerinista no seu estado puro. Falta pouco para que convoque a folga xeral para obter a Provincia Viguesa. E contra esa marea de argumentos basado en Vigo, Vigo, Vigo,… o mellor e calar como fai a Porro porque contra as tonterias non se pode argumentar.
En canto os psicodélicos do bng, que quer que lle diga. Nesa pequena caixa de grilos con xente que se di fachendosa que ten triple militancia e que cada día siguen mellorando o guión da Vida de Brayan ate a derrota total, pois esta case todo dito.
E logo andamos catro despistados que estamos en contra de esta fusión con argumentos económicos e como dirían os yanquis, de seguridade nacional, pero como na sua inmensa maioria somos vigueses, pois claro somos localistas e a favor do pp (manda huevos) e asunto rematado.
E logo o guru, con bo criterio, deixa o seu rabaño sen a sua sabia e ponderada columna sobre tan baladí asunto, e asi nos vai….
Sr. Miguez, ten que reconocer que en Vigo, pola diversidade e calidade, ganamos por goleada neso dos alcaldes Martinez Soria.
alvarez
4 Feb 10 at 11:03 a.m.
Moi agradecido, Álvarez, pola súa consideración sobre a miña prudencia, que non é tanta, porque sen parar en barras para escribir de temas dos que non controlo, téñome pronunciado, ou polo menos tocado o tema, empezando por aquí ,aquí de cheo , algo aquí , outro chisco aquí e aquí . Todo procurando que non se me note, no meu estilo habitual
sihomesi
4 Feb 10 at 1:26 p.m.
Como con a muller, como me gosta darlle a rason cando a ten, ainda que neste caso logo non haberá nin roce nin moito menos lacon, como teiman en catar alguns queridos parroquianos.
Saude.
alvarez
5 Feb 10 at 10:18 a.m.