Etiquetas
Sabe quen inventou a fregona? E a lavadora? Eu desde logo non, pero todos estamos perfectamente informados da morte de Steve Jobs, o que inventou os ordenadores Mac e todos os aparatos que comezan por i, do iPod ao iPad, pasando polo iPhone. Estamos tan avisados que houbo informativos de radio e televisión practicamente enteiros, e partes nobres de xornais, dedicados a reportar o falecemento, detallar as reaccións que suscitou, e recordar a súa contribución á mellora do mundo. Nas horas seguintes ao fatal desenlace, escribironse 10.000 mensaxes por segundo na rede social Twitter.

Desde Lolita (si, Lolita Flores) que escribiu esta secuencia de mensaxes: “Descanse en paz jacobs”. “Esteve jobs, estoy fatal con tanto medicamento pa el trancazo”. “Me he equivocado de apellido , pero mi sentimiento era el mismo”, a Rubalcaba (“visionario de la tecnología que se atrevió a hacer realidad aquello que soñaba”) e Mariano Rajoy: “Steve Jobs nos ha facilitado la manera de informarnos y comunicarnos. Descanse en paz!” (asinado MR, para indicar que foi el propiamente, e non ningún dos colaboradores que lle escriben a cousa). Mesmo no acto no que Rajoy participaba cando se coñeceu a noticia, a convención do PP en Málaga, posou xunto a unha pantalla en plan lápida conmemorativa (“Gracias, Steve”), aínda que cun ordenador da competencia (o sentimento é o mesmo, como diría Lolita).