Etiquetas

, , ,

Non son moi de ciclismo, pero fíome dos colegas que si o son é que están indignados coa sanción a Ezequiel Mosquera por presunta dopaxe. Ao corredor de Teo detectáranlle algo que serve para ocultar substancias prohibidas, e que non é ilegal tomar, pero si inxectar, e non está probado que se pinchara. E peor que unha decisión inxusta é unha decisión discriminatoria. A Mosquera non lle probaron nada, pero sanciónano, mentres a outros atopáronllo, pero de momento non os sancionan. Ou como di un deportivo madrileño: “la reciente sanción a Mosquera no va a ayudar a Contador”. Iso pásalle a Ezequiel por meterse a ciclista, en vez de meterse alcalde. Desde que medrei neste choio, nas contadísimas ocasións en que a xustiza condena a algún edil, e non por irregularidades menores, sempre escoitei a mesma desculpa: son moi poucos os malos en relación a tantos bos como hai. É unha escusa un tanto necia (porque iso tamén se pode dicir dos que rouban nas esquinas, coa diferenza de que os das esquinas non son cargos públicos) pero é certa. É máis, son poucos os que delinquen (nos despachos, non nas esquinas) tendo en conta o fácil que é, e as escasas consecuencias que ten.

         Así, mirando soamente os periódicos desta semana, en empezando desde abaixo do mapa, temos o curioso caso dos censados de Arbo. Un misterio deses de antes. 300 persoas que sen vivir en Arbo, mesmo na en boa parte dos casos sen ter pisado Arbo na vida, ou noutros sen existir sequera, estaban censados alí. O alcalde daquela, e o seu sucesor (no partido, que non na alcaldía) di que a culpa puido ser dun funcionario, ou mesmo dos axentes do censo, que eran doutro partido. Pode parecer raro, nun país en grave crise demográfica coma o noso, pero o dos censos que levedan como o pan, sobre todo en época pre-electoral, son relativamente frecuentes. Nesta sociedade, na que se preitea por mover un marco do sitio unha cuarta (por non falar de matar porque che cortan uns eucaliptos), que se usen as identidades legais doutras persoas, e que se fagan desde as institucións públicas, non parece demasiado grave, ou polo menos non recordo que condenaran a ninguén, fosen alcaldes, funcionarios ou axentes do censo.

Subindo no mapa, temos o caso de Vimianzo. O anterior alcalde adxudicoulle á empresa do seu irmán a construción dunha Casa da Cultura, (cousa que se non ilegal, debería selo). Debeu ser que, como hai confianza e era para a familia, o construtor foise entusiasmando e non aforrou en melloras ou en presupostos. Ao final, resulta que lle reclamou ao concello 740.000 € por cousas feitas fóra de contrato. O Tribunal Superior xa ditou sentenza de que lle teñen que pagar, pero de momento non se sabe nada de cómo vai o outro preito, o presentado no xulgado de Corcubión por se a cousa foi irregular. E sen cambiar de periódico nin de día, temos o bonito caso da Autoridade Portuaria coruñesa, que en 2005 asinou un convenio co concello e a Xunta para construír o que ía ser o “guggenheim” coruñés, e hoxe é un centro comercial coma outros moitos (“Los Cantones Village”, chámanlle). A Autoridade Portuaria, logo de tirar coa vella Estación Marítima para convertela en solar, achegou máis dun millón de euros a cambio de ter outra estación ben máis modesta, de 375 metros cadrados, dentro do mamotreto. Non acabo de ver onde está o negocio (para a Autoridade Portuaria), pero por se fora pouco, esa miniestación de 375 metros non se fixo nunca. Fíxose outra este ano, que custou 700.000€, en parte de fondos europeos. Tampouco parece que este asunto vaia ser obxecto de máis investigación que a periodística. Iso si, como se entere Frau Merkel xa a temos liada.

 (Faro de Vigo, 22 de novembro de 2011)

About these ads