Etiquetas

, ,

Debe ser polo sólido espírito familiar destas festas, pero todo o mundo –refírome a todo o mundo mediático- dá consellos. Desde como sorprender aos convidados cun menú agradecido e de fácil preparación ata como refrearse nas doses do consumo. Así que eu non vou ser menos. Estes son os meus consellos de Nadal:

O primeiro punto xa chega tarde: non vaia ás ceas de empresa. As ceas mal chamadas de empresa, porque en realidade son de compañeiros de traballo, debéronas de inventar os xaponeses, ao tempo que esas folgas que consisten en traballar de máis. Gastronomicamente son un ruína e como terapia de grupo, aínda peor. Cómese caro e mal, e polo tanto de entrada supoñen a caída en desgraza de quen as organizou collendo como puido sitio entre a ateigada oferta hosteleira destas datas. E o calor da comida fraternal enfríase rápido ao pasar ao calor da bebida fraternal, que solta os espíritos e as linguas que estiveron prudentemente amarradas durante os outros 364 días do ano, descontando festivos, pontes e vacacións.

O segundo chega a tempo, pero tanto ten porque non me vai poder facer caso. Non lle podo dicir que non asista ás ceas familiares, porque sería peor o remedio que a enfermidade, pero todos saben ao que se expoñen: a outra terapia de grupo, pero na que os pacientes xa se coñecen de sempre as voltas, as anécdotas e as ocasións nas que deberían ter calado e non o fixeron. Así que lles suxeriría que para non ter unha excesiva decepción non hai como non depositar moitas expectativas. A todos os niveis. Se é anfitrión, non digo que a cea consista en pedir unhas pizzas e os turróns aparezan na mesa sen sacar da bolsa do supermercado, pero entre iso e facerlle caso ás suxestións para ceas de Navidad que veñen nas revistas hai un amplo abano no que escoller. Se é un invitado, queda mal traer soamente un par de latas de cervexa para consumo propio, pero tampouco poña a proba os seus nervios e os do encargado do súper buscando un viño que faga abrir a boca (de estupefacción) a todos os asistentes.

E o terceiro é de difícil cumprimento, pero póñano como obxectivo final a conseguir, igual que neses recetarios para acadar o éxito na vida. Faga como que todo o rebumbio non vai con vostede. Se lle ofrecen lotería, diga que é un imposto para os ignorantes en estatística, e que en vez de xogar a poñer todos un pouco para facer uns cantos millonarios, preferiría xogar a que os millonarios repartisen un pouco entre todos (pode practicar co sorteo do Niño, esa lotería para enganchados e esperanzados a proba de bomba). Se na casa son de Papá Noel, dígalle á familia que se converteu outro vez aos Reis Magos, e o día 6 asegure todo convencido de que non se acorda para nada do que dixo (a mellor ocasión para dicilo é cando se negue a ir á cabalgata de Reis). Néguese a colaborar nas compras dicindo que lle detectaron unha nova variante da claustrofobia, a mercofobia, que se activa ao entrar nos centros comerciais. Para fin de ano, saque unha teoría de que non é o 31, pola mesma razón que o século XXI non empezou en 2000 senón no 2001. E así todo. Non son moitos consellos, nin moi orixinais, e vai ser difícil poñelos en práctica todos á vez. Pero sexa consciente de que cada paso que dea, por pequeno que sexa, será un gran avance para vostede e xa non digamos para a humanidade. Por iso me resisto a felicitarlles as festas.

(La Opinión de A Coruña, 24-25/12/2011)

 

About these ads