si home si

"É unha pena que a estupidez non doa" (Anton LaVey)

Conto de inverno

3 comentarios

Non é un conto, e menos de Nadal, pero, como manda a tradición dos contos de inverno, fóra facía un frío peludo e eu estaba ao quente, ben acompañado, cando entrou no local un forasteiro aterecido. Notoriamente forasteiro e considerablemente aterecido, porque era un deses senegaleses que andan a vender chilindradas, neste caso, figuras de artesanía. Eu teño máis chilindradas na casa que sitio onde metelas, pero o home estaba tan aterecido e parecía tan necesitado de vender algo que acordamos cambiar unha figura que non necesitaba ningún dos dous por uns cartos que el precisaba e eu menos. El foi á barra –xa lles dixen que non era un conto de inverno, non había lume dentro nin lobos fóra- e eu seguín botándolle un ollo ao periódico. En concreto a un informe, o Observatorio da Inmigración que fai a Secretaría Xeral do ramo, que aseguraba que a metade dos galegos cre que os estranxeiros teñen máis dereitos ca nós, e case outros tantos pensan que en Galicia hai máis xente de fóra que noutras partes de España.

    Como digo sempre, que opinar sexa libre non é o mesmo que ter razón, como demostra que calquera pode pensar e dicir que a terra é plana e cerrada cun valado de cantería. Os estranxeiros teñen, no mellor dos casos e como moito, os mesmos dereitos ca nós, quitado que pertenzan á Casa Real ou se podan acoller á lei Beckham que permite a Cristiano Ronaldo e outros xenios de importación pagar menos impostos. E en España hai 5.751.487 persoas que naceron fóra e non teñen a nacionalidade de aquí, o que supón que son o 12% dos residentes. En Galicia 109.994, que veñen sendo o 3,9%: nin a terceira parte da media española. En resumo, calquera é libre de dicir que hai demasiados inmigrantes, ou que non debería haber ningún, ou que de habelos non teñen por que ter os mesmos dereitos, ou ningún (de feito case dous terzos consideran excesivo, alto ou moi alto o número actual de inmigrantes). Iso son opinións, deleznables desde o meu punto de vista, pero opinións. Afirmar que teñen máis dereitos, ou que aquí hai máis son falsidades puras e duras (e difundidas a propósito, pero isto é unha opinión).

Afirmacións, ademais, un tanto sorprendentes, porque indican que os que as fan (a metade de nós, galego arriba ou abaixo) sen botar man do socorrido “no sabe/no contesta”, non é que non lean as estatísticas, é que non len os periódicos nin seguen calquera outro medio de información (ou si, e aí habería outro problema). Ou non saen de Galicia, ou non teñen parentes en Madrid ou Barcelona, ou se os teñen (como todo o mundo) non se falan con eles. En resumo, non é que teñamos un grave problema de racismo, é que o temos igual ou máis grave de ignorancia, aínda que unha cousa estea unida á outra.

Un 41% dos inmigrantes vese bastante integrado, por un 57% dos galegos que cre que non están, e de feito, soamente un 13% dos inmigrantes se senten tratados con tolerancia. No informe tamén hai conclusións positivas. Soamente un de cada dez acepta ese outro bulo de que os inmigrantes colapsan os servizos sanitarios (en realidade úsanos menos, entre outras cousas porque son máis novos), e a gran maioría considera positivo que haxa nenos estranxeiros nas aulas. Semiconfortado, decidín arrostrar o frío. Mentres esperaba para pagar, escoitei ao camareiro dicirlle ao senegalés: “está invitado polos de aquela mesa”. A ver se no próximo Barómetro os inmigrantes que están a gusto son algúns máis.

 (La Opinión de A Coruña, 14 de xaneiro de 2012)

Escrito por sihomesi

26 de Xaneiro, 2012 ás 11:30 p.m.

Gardado en Si home si

Tags: ,

3 Comentarios to 'Conto de inverno'

RSS dos comentarios

  1. Casi un cuento de Navidad. Bonito de verdad.

    allau

    26 Xan 12 at 11:56 p.m.

  2. Gracias mil!. Es un género nuevo, el «realismo numérico», el relato con soporte estadístico.

    sihomesi

    27 Xan 12 at 11:30 a.m.

  3. Para chamarse Xosé en vez de Charles non está nada mal. O mellor das estatísticas é comprobar como xa máis da metade dos galegos (polo menos) coidan que os africanos nin son todos negros nin teñen rabo cando baixan das árbores…

    Xaquín

    27 Xan 12 at 10:22 p.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site