Xa saben que a soberanía reside no pobo, aínda que soamente veña de visita cada catro anos. Por esa razón, os cargos públicos son en estrita teoría da cidadanía que elixe a quen os ocupa, ou a quen logo escolle quen os vai ocupar. Elixir directamente, só eliximos a concelleiros, deputados autonómicos, estatais (senadores incluídos) ou europeos, e sempre que estean integrados na lista dalgunha organización política. Por exemplo, ningún galego (quitado os que viven en Madrid) votou a Mariano Rajoy, senón a outros candidatos dunha lista do PP que supoñían, con bastante fundamento, que chegado o momento apoiarían a Rajoy como presidente. Así que os usufructuarios legais dos postos son quen os ocupan, pero o ético é que sexan do partido que os levou nas listas. É o caso deses concelleiros elixidos nas listas do BNG, que protagonizan unha desas polémicas que tanto agradecemos os que temos que encher estes papeis.

         Claro que esta norma ética –e que polo tanto case ninguén cumpre- ten os seus matices. Os cargos electos están na mesma situación que os fillos de multimillonarios, que nunca deben saber se os queren por si mesmos ou polos cartos (é dicir, polas siglas coas que se presentaron). Penso que canto máis grande a circunscrición, máis é polos cartos, e se non, díganme quen era o número 2 da lista ás europeas que votaron. E canto máis próximo ao cidadán é o ámbito de elección, máis importante é o candidato. Non penso que todos os votos a Paco Vázquez fosen socialistas, nin procastristas os que ten Ángel García Seoane en Oleiros (como demostran os índices de voto noutras eleccións). Só nas locais se produce o fenómeno de que unha forza que tiña un ou dous representantes nunha corporación pasa a ter a maioría nela cando cambia de candidato, ou que un alcalde cambie de partido e renove a alcaldía, ou haxa concellos con maioría absoluta dunha forza que é residual nos municipios veciños. Tamén nas corporacións locais se producen alianzas ou colaboracións que noutras instancias poñerían os pelos crechos aos respectivos electorados. E calquera forza acaba perdoando a quen non pactou con quen lle dixeron nun concello, pero non hai precedentes de tal perdón noutras instancias. Ou sexa que tampouco lle falta razón a quen asegure que no ámbito municipal os cargos son, cando menos, tanto como por amor como por cartos.

No que respecta aos se os edís que se foron do BNG deben deixar o posto ademais de deixar pagar a cota, o que queda claro é a escasa habilidade dos dirixentes nacionalistas para xestionar as crises. Os do Encontro Irmandiño, porque a maiores da présa que se deron en tomar a decisión despois de andar amagando desde hai ben tempo, e do emotivo acto no que se produciu, deberían ter previsto -e mesmo negociado- o problema. Os de UPG-APU-BNG, porque tendo todo o dereito moral a reclamar os cargos, deberían reparar en que exercelo implicará poñer de relevo que prefiren o control das institucións a manter unha boa xestión (partindo da base que non van cuestionar que a xestión que fixeron gobernos municipais seus ata hai días fose boa). E se dentro dun mes se reproduce idéntico problema, pero multiplicado por 20, cos cargos de Máis Galiza, a consecuencia será o derrubo, por implosión, da práctica totalidade do poder municipal nacionalista. E sementar sal no solar, porque por moito que se argumente que o electorado confiará de novo nunha opción que os defende e tal, ben boa parte del, a que non vota nacionalista nas outras eleccións, chegará á conclusión de para qué votalos, se nin se poñen de acordo entre eles. O sobado argumento de que as rupturas no BNG o único que fan é beneficiar ao PP (e ao PSOE, digo eu) quedará ben confirmado, sobre todo pola variedade de culpables.

“Cando alguén asume un cargo público debe considerarse a si mesmo como propiedade pública”, dicía un dos pais fundadores dos EEUU e o seu terceiro presidente, Thomas Jefferson. O mesmo que recoñeceu que ninguén abandona un cargo co mesmo prestixio e respecto que o levou alí.

 (La Opinión de A Coruña, 18 de febreiro de 2012)

About these ads