Etiquetas

, , , ,

Un bar de Sevilla –o propietario, enténdese- decidiu prohibir a entrada a arxentinos. Non lles podo dar máis detalles porque nin me interesan os razoamentos para tal medida, nin os argumentos legais para facelo (o dereito de admisión existe sempre que non se faga con criterios discriminatorios), nin sequera que método usará para distinguir arxentinos de uruguaios. Non me interesa nada do caso porque sei perfectamente que é un exemplo máis de aproveitamento dos baixos instintos para facer negocio, neste caso os baixos instintos patrioteiros para facer negocio publicitario. Non quero saber nin como se chama o bar do tarado, vamos.

         De todas formas, o tarado do bar sevillano polo menos saca un proveito do asunto, pero non sei cal sacan todos os que se indignan pola nacionalización/expropiación de Repsol-YPF na Arxentina. Que serían os mesmos supoño que se se descubrira que o tabaco pasteurizado é magnífico para a saúde esixiríanlle a Rajoy que recuperase o que foi a parte española de Altadis, é dicir, Tabacalera. No caso de Repsol-YPF, a única discusión posible é a do prezo da venda forzosa, que como en toda operación, é moi distinto segundo sexas comprador ou vendedor, pero non é discutible de quen son os xacementos petrolíferos. Non ignoro que o de Repsol-YPF é unha manobra cun abondoso fondo demagóxico, empezando porque se expropia a parte que ten Repsol, non a doutros accionistas, por exemplo norteamericanos. E que quen a tomou, Cristina Kirchner, é herdeira dunha tradición máis que populista, pero que non deixa de ser unha mellora entre un elenco de presidentes que van do latrocinio patente á ineficacia manifesta, sen que unha cousa quite á outra. De todas formas, en calquera competición de populismo é mellor quedar de segundos, se non hai terceiros. E xa postos en argumentos rastreiros, a presidenta arxentina ten parentes na Fonsagrada e o presidente de Repsol seguro que non.

E menos entendo ese patriotismo empresarial ante unha nacionalización, cando precisamente Repsol, como outras tantas empresas, fóronnos expropiadas a todos os cidadáns españois, e pasadas de públicas a privadas sen que houbese protesta ningunha. Nin a importancia que se lle dá. O telediario da tarde do mércores dedicoulle 24,08 minutos ao de YPF e 03,32 aos recortes en educación. Como tampouco entendo a hemorraxia de satisfacción que percorreu á maioría dos líderes de opinión despois desa escusa de Juan Carlos I, tan obvia e pedestre (comparen “Lo siento mucho, me he equivocado. No volverá a ocurrir” con aquela de “Lo siento mucho, la vida es así. No la he inventado ioooo”, que cantaba Sandro Giacobbe). Fóra de calquera racionalidade política, se monarquía ten algún papel é como o dos public relations das discotecas finas. E se en vez de proporcionar glamour e propiciar negocios ao que se dedican é a andar de ligoteo ás agachadas a aos negocios propios, non queda outra que axustar o finiquito.

O de axitar os espantallos das bandeiras -aínda que neste caso sexa a dunha empresa- e dos supostos males dos poderosos cunha man, mentres coa outra che rouban a carteira é tan vello como andar a pé. O raro é que aínda funcione. Ou máis ben o raro sería que o deixasen de usar co ben que funciona.

(La Opinión de A Coruña, 21 de abril de 2012)

NOTA: En 2007, o financeiro Eskenazi, amigo dos Kirchner, tivo a grande oportunidade de mercar o 25% de YPF por 3.500 millóns de dólares, que pagou… cos futuros beneficios de YPF

About these ads