Etiquetas

, , , , , ,

Quizais para que non nos sentiramos completamente culpables por compartir pasaporte con aquel Castelao Bragaña que dixo que as leis estaban para ser violadas, como as mulleres, ou viceversa, un candidato republicano ao Senado por Indiana, Richard Mourdock, asegurou que os embarazos producidos por unha violación son “algo que Deus quere que suceda”. Logo matizou que nin el nin Deus están a favor das violacións, pero non se apea do dito. Tampouco lle vai pasar factura electoral. Un correlixionario seu, Todd Akin, dixo hai meses que os embarazos resultantes do que chamou “violación lexítima” eran moi raros, por uns supostos mecanismos de “peche” do corpo feminino ante unha agresión tan grave. Non se retirou a pesar de que llo pediron e saíu elixido senador por Missouri.

       É curioso que os homes, en concreto estes tres aos que se lle supón un nivel pretendan saber tanto de agresións sexuais que nunca sufrirán, igual que os bispos entender de sexo. Sobre eses supostos mecanismos femininos saberán máis os xinecólogos que os candidatos a senadores, e sobre os designios divinos, máis os teólogos. A min sempre me custou entenden designios divinos como que os nenos tiveran enfermidades terminais, pero digo eu que se quere unha consecuencia (embarazo non desexado) pode prever unha causa previa menos traumática.

Tamén para compensar tanto malvado idiota masculino na política, Deus ou quen fose puxo mulleres idiotas na televisión. Unha delas, a presentadora de La mañana de La 1, Mariló Montero, que ao enteirarse de que os órganos do asasino de dúas persoas en El Salobral non ían entrar na cadea de transplantes, expresou a súa tranquilidade porque “no van a dar vida a nadie”. En principio parecería lóxico que xa que o tipo quitou vidas, que menos que contribuíra a salvar algunhas, pero o razoamento de Mariló é que “No está científicamente comprobado, pero nunca se sabe si ese alma está transplantada también en ese órgano”.

Ver vídeo

Ante a que se armou (parece que a noticia foi a reacción en internet, non a burrada en si), Mariló pediu “disculpas a quien se haya sentido ofendido por lo que puede haber sido una expresión desafortunada en opinión de algunos, con opiniones en contra, según me dicen, en internet”. Mariló (da que ata agora ignoraba todo, incluída a súa existencia, e agora sei que estudou maxisterio, foi unha “chica Hermida”, estivo casada con Carlos Herrera, o ano pasado ganou uns 460.000 € e este 260.000 €) cita para soster as súas “dudas científicas” o caso dunha muller que “en un diario de tirada nacional afirmaba que podía sentir el alma del hombre que le cedió su corazón”.

Non son eu quen vaia discutir as cousas que aparecen nun diario, e máis se é de “tirada nacional”, pero eu podo soster polo mesmo prezo que non hai probas científicas que demostren que as pernas amputadas non poden crecer outra vez.  Xa sei que non pasou nunca, pero hai miles de declaracións de xente que di que as sente logo de que llas cortaran. E nada demostra que non poda pasar algunha vez. Pola contra o da alma, os que creen nela, aseguran que está na persoa, non no fígado, nos riles nin en nada transplantable concreto. Tanto en política como en televisión é mellor falar do que un sabe.

(La Opinión de A Coruña, 27 de outubro de 2012)

About these ads