Etiquetas

, , , , ,

Xa sei que nin volverán as boinas, para desgraza da afamada fábrica Elósegui e que agora a rapazada emigra con maletas dos chinos, ou de carreful, ou os moi listos coas que lle deu Feijóo por ser moi listos. E sabendo idiomas. O outro día comentaba un en Twitter que dos dez compañeiros de clase de alemán, oito ía emigrar e os outros dous, el incluído, estábano pensando. Pero quitados eses matices, todo empeza a cheirar a anos 50 e 60, empezando polas formas.

      En Tordesillas, por exemplo, lugar onde pervive o costume e a mentalidade medievais de alancear un touro porque lles peta, o excelentísimo Ayuntamiento, xunto co Patronato del Toro de la Vega, decidiron que a partir do ano que vén, todos os que, ao seu xuízo, desacrediten ou difamen o torneo, “ya sea de palabra o por escrito”, terán multas que van dos 1.001 aos 3.000 euros, segundo a nova ordenanza que regulará o torneo (incluídas as características das lanzas), aprobada por unanimidade (7 PSOE, 6 PP) e sen debate no pleno municipal. Imaxino que pronto todas as autoridades municipais seguirán o exemplo e prohibirán calquera crítica “de palabra ou por escrito” dos festexos -calidade dos foguetes, das orquestras,..- e xa postos da política municipal e do que sexa, segundo o persoal criterio das autoridades.

Despois están declaracións como as do portavoz adxunto do PP no Congreso, Rafa Hernando, que non se recatou en chamarlle “pijo ácrata” a un xuíz (Santiago Pedraz, da Audiencia Nacional) porque non lle gustou que criticase a decadencia da clase política no auto no que arquivou a denuncia contra o 25S. Ou chamarlle “frivolidades de millonario residente en Miami” as declaracións de que “malvados de verdade son os que rescatan aos bancos e non ás persoas” e que “ao Goberno vaille ben que haxa tanto paro en España para que así as condicións laborais sexan terribles”. Non, nos as fixo Julio Iglesias ou o Villalonga aquel de Telefónica amigo de Aznar, senón Javier Bardem (que ademais vive en Madrid). Postos a descalificar contrarios, canta máis clase tiña Fraga con aquilo de “el contubernio de Múnich”.

E despois de anular a liberdade de expresión por unanimidade nunha ordenanza municipal, e de reinstaurar a aniquilación –verbal, de momento- do contrario, chega, directamente desde os anos 50, a abolición da presunción da inocencia. Esa que reclaman uns señores que saen falando de dar ou recibir millóns en gravacións telefónicas, non se lle da a unha parella á que acusan de ser os encargados da economía de Resistencia Galega. Aparte de que moito me parece tal cargo (como non fagan unhas rifas…) se é certo ou non terá que determinalo un xuíz, non unha nota policial ou gobernativa. Teño diante unha nota de hai exactamente sete anos, a da Operación “Castiñeira”, cando a Garda Civil detivo a dez persoas “como presuntos activistas del grupo independentista radical AMI”. Non daba os nomes, e cando se deron nos medios porque os facilitaron os compañeiros dos detidos, a irmá dun deles chamou para reprochárnolo, con razón. Agora dános por culpables, identifícanos e converten o nome tal e como e detido o escribe como se fose un alias, como se “Jose” fose un alias de “José” ou “Paco” de “Francisco”.

A ver se polo menos tamén volve Elvis.

(La Opinión de A Coruña, 3 de novembro de 2012)

About these ads