Etiquetas

, , ,

Andan os máis deportivistas dos nosos veciños preocupados pola situación económica do club. Ou máis exactamente, andan case os coruñeses todos (que hai que ser ben desleigado ou radicalmente antifutbolístico para non ser un chisco deportivista) preocupados polo futuro do club, que a situación económica hai tempo que constitúe un misterio parecido ao da vitalidade de Carmen Sevilla. Eu agardo que o futuro sexa brillante e esplendoroso, no económico e no deportivo, pero tamén que os equipos de fútbol, todos, sexan tan cumpridores dos seus deberes fiscais e societarios como… ía poñer as empresas, pero deixémolo en tan cumpridores como os cidadáns que cumprimos porque xa nos fai as contas a Administración.

         Eu non sei se o Real Club Deportivo de la Coruña, como figura na placa da Ronda da Zapateira debe máis ou menos a Facenda que os outros clubs, e se ten ou non peor trato. Sospeito que mellor non, non tanto polo que di Lendoiro, que se queixa ata de non poder xogar con doce, senón polos comentarios ás noticias do preconcurso ou como se chame que se poden ler nos periódicos editados en la Villa y Corte, que coinciden en resaltar o lóxico de que se afunda un equipo dunha cidade pequena que xogou por riba das súas posibilidades (ata o punto de ganarlle algún título que outro aos equipos da cidade onde se imprimen eses periódicos). A “Marca España” que ven fóra son uns clubs de fútbol que contratan a quen queren sen mirar a etiqueta do prezo, e logo teñen un pufo tributario conxunto de 750 millóns de euros, e non sabemos canto de Seguridade Social, e así levan anos e anos, mentres asalariados e autónomos pasan por caixa para que lles dean a volta aos petos do pantalón. Suponse que foi polo “que dirán” que Rajoy ordenou o mes pasado a Montoro que pasase ao recibo as débedas dos clubs. Parece ser que se non hai orde explícita, o fútbol non tributa.

Iso as débedas coa Administración. Cos bancos que xa lle quitaron nos últimos anos 400.000 vivendas á xente que vivía nelas, hai equipos que teñen débedas semellantes. O Valencia recoñeceu a pasada semana unha de 370 millóns (por tan excelente xestión, os conselleiros executivos cobraron o ano pasado un total de 1,7 millóns de euros, o triplo que o ano anterior). O equipo levantino ten, por exemplo, entrampados 200 millóns en préstamos con Bankia, entidade que achegou 76 millóns para a fichaxe de Cristiano Ronaldo e que polo momento so cobrou do Real Madrid os intereses. Se ten unha hipoteca con esa entidade, intente negociar as mesmas condicións. Eu estou niso.

O dereito mercantil é para min case tan incomprensible como a física cuántica, así que non sei en que acabará o do RCDdlC. Sei, porque vén nun libro do periodista e ex xogador xuvenil de Depor e Real Madrid Alfonso Eyré, que en China o 70% dos partidos están amañados, e que en Europa no XIX o remo foi un deporte moi popular, ata que as apostas amañadas acabaron con el e coa afección que o seguía. Dígoo porque como a cousa siga así, os problemas non van ser so os do Depor.

(La Opinión de A Coruña 10/11/2012)

About these ads