Etiquetas

, , , , , , , , ,

Isto vai dedicado a Camilo (non Guillermo).
Un deses lectores polos que paga a pena 
labrar as palabras a man, o mellor que se pode,
e coa máis xusta das intencións.
 
 
 
 

“É que este é o que me fai ben”. A velliña agarrábase a un sobado envase vello dun protector estomacal como hai miles de anos os nosos antepasados se agarrarían a un talismán ou hai non tanto a un escapulario. O mancebo (na placa, “auxiliar”), explicoulle outra vez que aínda que o que a ela lle facía ben custaba o mesmo, estaban obrigados a darlle o xenérico. O que tiña que facer era dicirlle o médico que lle receitara ese concreto. “É que non teño que volver ata dentro de catro meses, se aló chego”, resignábase a señora. Probablemente noutra época, todos os que agardabamos que se resolvese a crise do protector para que nos atendesen a nós, rosmaríamos polo baixo a teima da vella, que que máis lle tiña unha cousa que outra, e veríamos natural que o auxiliar lle dixera algo así como “mire señora, é que o hai, lévao ou non?”, porque ben se vía que non era clienta habitual. Pero non lle dixo iso. Púxose a fedellar no ordenador. “A ver se facendo como que non temos, o programa traga… A ver… Pois si”. E foi á rebotica e volveu co fármaco avogoso.

Quizais foi que a clienta lle recordou á súa avoa, comenteille ese mesmo día a un amigo. Creo que non, respondeume. Viña de acompañar a alguén a urxencias, nada especialmente grave, o que lle deu pé a falar cun enfermeiro que aparentemente non facía nada, quitado velar a un paciente que estaba nunca cadeira de rodas. Debería estar nunha camilla (o paciente, non o meu amigo nin o enfermeiro), pero non as había, e estaba a espera dunha, soportando pacientemente a miradas e os berros dos que pensaban que non facía nada. E cando tiveran resolto o problema da camilla, empezaría o da cama. O Tetris. O Tetris? Si, o persoal hospitalario chamáballe así, como o xogo de encaixar pezas, ao método de meter camas atravesadas no pe das camas paralelas de sempre, para aproveitar máis os cuartos. O meu amigo, para saír dese atordamento que te asalta en situacións de tensión, preguntoulle ao enfermeiro se con tanto recorte en persoal, en medios e nos seus soldos, non se resentía o trato co paciente. O enfermeiro pensaba que non. “Para nada. É como se tivéramos a sensación de que estamos todos no mesmo barco”, respondéralle, e quedáraselle gravado.

Posiblemente os que se poden se pode permitir escoller entre facer o que se debe facer e non facer nada ou facer que se fai, os que non soamente defenden o seu posto de traballo (qué tempos estes en que hai que xustificar defender o posto de traballo!), senón o servizo que dan, farmacéuticos, médicos, enfermeiros, avogados, xuíces, profesores, están sendo os mellores exemplos contra a marea de indignidade. É que en época de crise, moita xente recorda para que está no mundo, ou máis ben, que escolleu facer na vida, e con que principios e obxectivos, ademais de para ganala para el e para os seus, e decide que non haberá mellor momento para aplicalos.

(La Opinión de A Coruña, 1/12/2012)

About these ads