Etiquetas

, , , , , , , , , , ,

Arturo Fernández, que é o vicepresidente da patronal española e presidente da madrileña (non confundir co do traxe cruzado con botóns dourados que di “chatina”) asegura que a “incidencia” de Gerardo Díaz Ferrán non quita lexitimidade á CEOE que presidiu Ferrán ata que tivo que soltar o mando se non quería afundila con el. Estou de acordo. O que Arturo Fernandez II (o empresario) chama pudorosamente “incidencia”, igual as empresas de servizos as avarías que te deixan sen eles, non lle quita lexitimidade á organización, senón tamén a todo un sistema de control das irregularidades económicas e fiscais.

  Os empresarios saberán se a CEOE é representativa dos seus intereses, alá eles (igual que se unha teórica Federación Española de Asociacións de Amas de Casa, se iso aínda existe, escolle a Arturo Fernández I como prototipo de caballero español). Pero a súa lexitimidade cara a sociedade caeu cando mantiveron no posto a Díaz Ferrán a pesar de que estaban internamente fartos del e o defenderon cando xa tiña media ducia de procesos xudiciais en contra. O malo é que a traxectoria dese fillo de emigrantes galegos en Madrid que foron quen de darlle a carreira de enxeñeiro industrial é a propia de moitos grandes empresarios. O goberno de Aznar practicamente regaloulle Aerolíneas Argentina e deulle 800 millóns de euros para sanealas, e el meteu soamente 200, e non dixo, nin lle preguntaron, que fixo cos outros 600. Cando caeu o seu grupo de viaxes e turismo, e quedaron miles de pasaxeiros por indemnizar, traballadores sen cobrar, e unha chea de acredores por cobrar (a NovaGaliciaBanco, case 42 millóns de euros) un informe pericial avisaba de que había perigo de que o home que dixo que Esperanza Aguirre era “cojonuda” e que “había que traballar máis e cobrar menos” ocultara os bens, como efectivamente fixo.

Díaz Ferrán, coa súa política cojonuda preferida

Tampouco pasou nada cando non contestou ás preguntas que lle facían os administradores concursais. Non quixo dicir que bens vendera nos últimos anos, nin as operacións que fixera desde a solicitude de quebra, nin facilitar o esquema das súas sociedades, a lista de acredores, a das súas contas correntes e a dos seus bens inmobiliarios.

Imaxino que calquera de nós que se puxera así de farruco con calquera instancia ou organismo máis ou menos oficial, fiscal ou xudicial nos envolverían en papel de oficio, pero Gerardo Díaz Ferrán é doutor Honoris Causa pola Universidade Miguel Hernández de Elche, a Medalla al Mérito en el Trabajo, Cruz de Plata da Orden del Mérito del Cuerpo de la Guardia Civil, Premio Reina Cristina de Suecia e é Caballero de la Imperial Orden de Carlos V, entre outras condecoracións. Cando empezaron os seus problemas, a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, comentara, doída: “Lo está pasando mal y la culpa no se puede echar siempre sobre una persona”. Agora, a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, “celebra que estas prácticas se conozcan y que algunos señores acaben donde tienen que acabar por abusar de los derechos de los demás”. Outro presidente de algo (como Matas, como Dívar) cuxas actividades algúns consideraban incidencias e a case todos nos parecían, y acabaron  sendo, mangancias.

 (La Opinión de A Coruña 8/12/2012- Faro de Vigo, 10/12/2012)

About these ads