Etiquetas

, , , , , , , , , ,

“A rapaza suspirou e apertou contra o seu peito o papel que acababa de recibir do seu amado…” O meu desde logo non é adiviñar o futuro, e aínda menos practicar a crítica literaria, pero se a literatura acaba reflectindo a sociedade na que se produce, temo que volveremos ao folletín do século XIX, no que os amores eran idealizados, pero as rastrerías tremendamente reais. Véñenme a cabeza dúas circunstancias que, sen pretender comparalas en importancia, si son símbolos, unha frívola e outro tráxica, de como a desigualdade, que nunca deixou de existir, agora pásannola polos fociños tan tranquilamente.

  O episodio frívolo é o comentario que se permitiu facer un tipo sobre o partido no que o Celta lle pasou por riba, por baixo e por dentro ao Real Madrid. O tipo é Julián Ruiz, que me aseguran é aquel mítico produtor musical que unha vez me presentaron, enfundado nun glamuroso abrigo branco de pel, á entrada da sede da SER na Gran Vía de Madrid. A soltura coa que se despacha, desde logo, é a mesma dun fan que aplaude calquera disco que saque o seu grupo. E non só despreza, como bo madridista, ao equipo que lle ganou a súa banda preferida de estrelas do pop, e a afección contraria.

Tamén lle preocupen as connotacións políticas dos berros das gradas, cousa curiosa cando moitos dos seguidores do seu equipo son devotos confesos –e en moitos casos, xudicialmente culpables- daquel señor que presidía no Santiago Bernabeu as demostracións de obreiros amaestrados o Día del Trabajador.

Devoción franquista que se fai berro unánime cando vai por alí un equipo vasco, catalán e, polo que se ve, galego. O seu periódico, que se edita en Madrid, permite eses insultos. Se os fixera un medio de aquí, serían “resentimientos provincianos”, “localismos”, ou o que é peor “aprovechar  el deporte con fines nacionalistas”. Desde logo, canta influencia teñen os medios “nacionais”: fixeron de min un celtista por un día.

O episodio tráxico é o de David Reboredo. Xa saben, ese vigués do  Calvario que de rapaz caeu, como tantos outros, na heroína, e despois dunha chea de anos, deuse erguido, pero acaba de ingresar no cárcere por dúas papelas de menos de medio gramo que lle atoparon en 2006 e 2009. As análises médicas proban que hai tres anos que está limpo. Sinceramente, como se non o estivera, se polo que se lle condena é por tráfico, non polo seu hábito, sete anos por unha papela hai tres é condenar a outro home. Sete anos, mirando en google, é a mesma condena que lle caeu a un tipo que violou a unha peregrina alemá en Estremadura, ou a outro paisano seu que violou a unha discapacitada ou a un taxista de Madrid que atropelou gravemente a un cliente que non lle pagou. Cousas do código penal, supoño. Pero para iso está a máis que cuestionable capacidade do Goberno de indultar a condenados. O de Zapatero encargouse de amañar o que os carísimos avogados do Banco de Santander non deron resolto nos tribunais e indultou no último minuto ao conselleiro delegado do banco, Alfredo Sáenz. O de Rajoy leva 468 perdóns no que vai de ano, desde os mossos de esquadra torturadores a un alcalde que prevaricou 13 veces, algún que outro homicida,  …

Noutros tempos, os gobernantes non sabían destas cousas, ata que alguén, unha inxenua doncela, un nobre vello, se botaban aos pés do rei e lle contaban o asunto. Agora non será porque no caso de David non se meta ruído. Accións de todo tipo, manifestacións, folgas de fame, noticias, sinaturas en internet que van camiño das 50.000…  Pero non é que non o saiban. É que non lles importa. E como se dean por aludidos, acabaran botando man do vello recurso: “y ustedes se callan”.

(La Opinión de A Coruña 15 de decembro de 2012)

 

About these ads