Feb 05 2006

Contraste de pareceres

Categoría: Destafoisihomesi @ 12:47 pm

-”El idioma no se puede imponer. Será obligatorio en algunos casos, pero el Tribunal Constitucional ya ha orientado cuál es la posición”

-”Hay jurisprudencia que permite avalar que sería constitucional. Y tiene una lógica: la Constitución dice que el castellano es la lengua oficial de España y a continuación establece el deber y el derecho de conocer el castellano para todos los españoles. Y dice también que el gallego, el catalán, el euskera son lenguas oficiales en las respectivas comunidades autónomas de acuerdo con sus estatutos. Por tanto, el derecho y el deber de conocer esas lenguas ha de establecerse en los estatutos, que forman parte del bloque de constitucionalidad”.

Adiviñen que frase é de Emilio Pérez Touriño (nunha entrevista no Faro e La Opinión, aínda que esas liñas en concreto non aparecen en ningunha das edicións dixitais) e cal de Alfredo Pérez Rubalcaba en El País


Xan 17 2006

Alivio congresual

Categoría: Destafoi, Si home sisihomesi @ 5:45 am

Unha das maiores (e das poucas) satisfaccións desta profesión é a oportunidade de estar presente, aínda que sexa en calidade de mirón, nos grandes acontecementos da historia. En concreto, asistín esta fin de semana a ese acto ritual que consagrou a despedida do que, cando aínda non viñera, en Miño chamaban o Veraneante Ilustre (VI). Ou sexa ó XIII Congreso do PPdeG, ou do recambio freudiano. A segunda despedida en seis meses de alguén que parecía non irse nunca, nesta ocasión voluntaria e co refrendo dos seus correlixionarios e non do electorado. E se me pediran que resuma o ambiente que reinaba naquel recinto blindado ós fumadores direi que era de alivio. Falo dos militantes.

Alivio por tres razóns. A primeira, porque ter un xubilado con mando –aínda que sexa moral- é un incordio en calquera casa. A segunda, porque os partidos políticos son como os equipos de fútbol, que teñen unha certa compoñente supersticiosa á hora de xustificar as victorias ou as derrotas, como os que gañaron unha vez que puxeron o calzón do revés, e agora saltan ó campo indefectiblemente co de atrás para adiante. Quero decir que, en lugar de atribuír á caída a que se fixeron máis ou menos públicas unha serie de prácticas internas similares ó sistema de acumulación e reparto de bens dos bucaneiros e a unha política externa tipo disciplina inglesa, implicitamente bótanlle a culpa ó adestrador. Dálo destituído sen que se produciran matanzas no vestiario debe ser unha sensación euforizante, e consecuentemente, no Pazo de Congresos Prohibido Fumar reinaba un xeneralizado bo rollo entre os militantes (un ex concelleiro, ponente de algo, mesmo me felicitou polo “desenfado” destes textos). Incluso entre os xornalistas, porque sempre é máis distendido un acto no que non está o poder polo medio, e porque contemplar como deambulan solos e aburridos personaxes que antes surcaban os mares da política entre nubes de devotos en nómina fai abrigar esperanzas de que se neste mundo non hai estrictamente xustiza, polo menos hai compensacións.
O ambiente de desenfadado picnic ideolóxico reforzouno tamén o que Baltar Jr. chamaría o “dress code” suxerido polos novos líderes: arreglaos pero informais, con chaqueta sen garavata e mesmo vaqueiros (de feito, o que máis do PP parecía era o redactor de Cuatro). Como nas sobremesas congresuais non se adoitan intercambiar ferretes nin entoar cancións pícaras, o máis distendido foi a tendencia xeral en salientar que o XIII Congreso fora un prodixio de democracia sen parangón no mundo coñecido (lexítimo orgullo que non deixa moi ben parados ós XII anteriores), o que contou Feijoo da visión que Loyola de Palacio lle confesou que tiña del (“pareces un poco chulo”) e o chiste involuntario do mesmo protagonista cando reiterou que Manuel Fraga tivera “un sono” (os primeiros planos televisados revelaron que, Don Manuel, efectivamente, non só tivera, senón que seguía tendo sono). Os momentos “vos-pasastes-nenos” ou “aquí-se-masca-la-tragedia” foron as numerosas lanzadas a moro morto que apañou o Ausente.
A terceira e definitiva razón pola que o congreso foi de alivio é terceira acepción da palabra que figura no diccionario: “roupa de loito menos rigoroso”.

www.sihomesi.com

(para martes, 17 de xaneiro de 06)


Dec 13 2005

Vaia tropa

Categoría: Destafoi, Si home sisihomesi @ 3:45 pm

De verdade que me gustaría comentarlles os apuros para coller os regalos de Nadal, sobre todo os dos nenos, antes de que se esgoten e os dependentes che miren como a alguén fóra da realidade cando llelos pides o 22 de decembro. Ou os apuros para combinar a axenda de comidas e ceas de traballo ou amigos coa escusa de recapitular sobre o ano que se vai, ou sobre que traerá o novo (ademais da prohibición de fumar no choio). Vaia, que me gustaría falar do que nos ocupa a todos, pero desgraciadamente, ós asuntos profesionais é ó que teño que prestar ollos e orellas, e tras deles váiseme a cabeza.

Por exemplo, xa pensei que todos despacharamos cunhas risas o affaire Anchluss, a revelación no BNG da herdanza xenética anexionista inherente a todos os nacionalismos (ou “cada vez que escoito a Milladoiro danme ganas de invadir o Bierzo”). E tampouco lle concedín unha importancia capital á revelación desas conversas telefónicas entre altos cargos de Fomento ó comezo da crise do Prestige. No primeiro caso porque souben casualmente a orixe do rebumbio, que é unha mostra máis de que os proxectos estatutarios espertan máis interese nos alleos (no PSOE de Asturias concretamente) que nos propios. No segundo, que se dean a coñecer agora as gravacións parece unha manobra de distracción do Goberno actual (e moi farto debe estar, porque son unha proba xudicial da responsabilidade da anterior Administración que terá que pagar esta), ou unha vendetta dos altos cargos do PP relegados na última etapa de Aznar, ou un paciente traballo de investigación de IU. Pero en calquera caso, o revelado non afectaba para nada a convicción que todos tiñamos de que o do Prestige foi unha chapuza desde o principio. Sen embargo, a famosa disposición do Estatuto dos nacionalistas, por moi transitoria que fose, revelouse como a proba definitiva de que os nacionalistas son nacionalistas e todos pensan no mesmo. E o do Prestige sacou a relucir de novo todo o chapapote político… en Madrid, porque aquí pouco pintamos, como da outra vez.
Ou sexa, que nos dous asuntos me equivoquei profesionalmente. O do perverso anexionismo nacionalista (y encima gallego, hay que joderse) serviu para que políticos de comunidades feitas con retallos, por exclusión ou con calzador, vexan o ceo aberto para facer patria (local, rexional ou española, a que máis corra ou todas á vez) e saír nos medios importantes aínda que sexa asumindo o ridículo de denunciar a palla no ollo alleo cando teñen a viga vixente no estatuto propio. E nas gravacións compróbase que o peor non foron nin as decisións equivocadas nin as mentiras coas que pensaron tapalas, que a todos nos pode pasar, senón a comprobación de que a eficiente xestión estaba en mans duns pobres homes que non sabían o que habían de facer, que non eran conscientes do seu descoñecemento e que tanto lles tiña unha ignorancia como a outra. Toda esa tropa está onde está- ou onde estivo- e non na casa escollendo regalos de Reis porque hai unha chea de colegas –meus- e de medios enteiros (sic) poñendo a diario que son uns tremendos estadistas. Eles saberán por que (e nós tamén, para que nos vamos a enganar).


Dec 11 2005

Anexión

Categoría: Destafoi, Matrix Press, Si home sisihomesi @ 1:59 pm

Hai anos, un amigo que foi a Madrid por primeira vez, alucinaba co doado que era sacar de quicio á xente. Parado en calquera semáforo, divertíase tocando o pito e comprobando como os outros conductores organizaban unha desconcertada sinfonía de bocinas contra ninguén, porque a luz estaba vermella. A actual situación política española é cuspidiña, e senón conten as veces que asoma a palabra “anexión” nas portadas e nos informativos destes días.
anchluss

“El BNG pide que pueblos de Asturias y León se unan a la ‘nación’ gallega”, asegura o periódico dos chamados nacionais que máis espacio lle dedicou na primeira páxina. “El BNG plantea una «nación» gallega con derecho a la anexión de pueblos limítrofes”, alerta outro. E se os periódicos chamados nacionais (neste caso nunca mellor dito) postergan o capítulo diario do culebrón Goberno-oposición (e máis agora que reaparece ETA no reparto), imaxinen como se deberon poñer os medios rexionais veciños. Por non falar da reacción aquí deses representantes das tendencias “ay por Dios, que van a pensar de nosotros por ahí fuera” e “ya sabía yo que por ese camino vamos mal”. O raro é que non ilustren a denuncia con aquelas fotos dos soldados da Wermacht rompendo as barreiras fronteirizas cando o III Reich se papou Checoslovaquia e Austria.
En definitiva, todo é unha conspiración para facerme ler eses amenos textos lexislativos. Alá vou: “Poderán incorporarse a Galicia aqueles concellos limítrofes de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante procedementos democráticos que serán regulados pola lei”, asegura a deostada e polémica proposta invasionista. É decir, quen queira vir que veña. Pero xa metido en amenidades, resulta que tanto a Constitución como os estatutos xa vixentes (suliñen e comenten o “xa vixentes”) de Castela e León, Asturias, Murcia,… propoñen exactamente o mesmo, e dous ovos duros máis. O castelán-leonés permite incluso anexionarse comunidades autónomas enteiras (pensando sen dúbida en Cantabria, ou La Rioja, ou xa postos Castela-A Mancha), sempre que elas queiran. O asturiano, coa sensatez habitual, incluso se permite omitir o trámite do permiso dos anexionados, chega coa decisión dos órganos do Principado. Ademais, en ningún caso se precisan esas “características análogas”, vale con que estean ó lado.
En conclusión: 1.-Se aquí se propón a metade dos que outros xa teñen, se rompe España. 2.- Non é que os que fan portadas, editoriais e comentarios usando a realidade como papel en branco que aguanta o que lle poñan non coñezan as normas constitucionais que defenden como á súa nai, é que tampouco as coñecen os que son presidentes ou vicepresidentes en virtude deses estatutos (incluído Aznar, que foi presidente de Castela e León). Con todo, é lástima, home. Xa imaxinaba o debate interno nacionalista entre os arroutados ansiosos de calzarse a boina guevarista e armarse de cachaba para baixar desde o Cebreiro a invadir El Castro y Las Herrerías (toma toponimia) e o sector tecnócrata, horrorizado de incrementar territorios despoboados ós que asfaltarlle as pistas, poñerlle banda ancha e outros equipamentos equilibradores, que deses xa temos abondo. Moito mellor incorporar Porto (que ademais para os medios chamados nacionais sería ampliar España).


Dec 01 2005

Outra máis

Categoría: Destafoi, Si home sisihomesi @ 4:27 pm

Estamos inmersos na celebración, íntima pero afervoada, de que a UE afrouxará por fin 257 millóns de euros europeos para o porto exterior. A conmoción da noticia (noticia relativa, porque que os ían soltar xa o sabía todo o mundo, incluído Álvarez Cascos, que nin os pedira) non debería distraernos de informacións menores, como que a Junta de Andalucía lle retirará as competencias urbanísticas ó concello de Marbella, ou o debulle que fixo o conselleiro de Medio Rural das obras paralizadas pola Xunta. Non debería porque todos estes fenómenos obedecen ás mesmas causas.

O porto exterior (o Porto Exterior, segundo a terminoloxía oficial) é, como terán deducido vostedes pola súa conta sen ter que prestar atención ós discursos, unha infraestructura indispensable para asegurar o futuro da cidade, da comarca, e de Galicia enteira. Desafortunadamente, tivo que espetarse un petroleiro, que as autoridades pensaran que o asunto se amañaba con comunicados, que á sociedade galega se lle incharan as narices e se manifestara, que Aznar non tivera outro sitio mellor onde facer un consello de ministros que María Pita e que o alcalde Vázquez tivera a indiscreta precaución de andar furgando nas fotocopiadoras, comprobara que nos acordos non estaba o PE e montara un dios, para que se chegase á conclusión de que había que facela, no último minuto como nas películas de 007. En resumo, se o petroleiro ou as autoridades fosen máis espelidas, Aznar fose a Cedeira e a Paco Vázquez non lle dera por inspeccionar a sección municipal de reprografía, o PE seguiría no limbo das cousas e das causas xustas. Se no porto de sempre, progresivamente baleiro, non houbera unhas parcelas providenciais coas que amañar o sky line que tiñamos incomprensiblemente fanado e de paso achegar uns cartos para o PE, A Coruña, a comarca, etc. sumiríanse na decadencia máis irremediable. Menos mal que Deus escribe recto con trazos tortos, e máis en cuestións marítimas.
En Marbella tiñan parecido problema de abrirse camiño ó futuro. Había unha jet e unha chea de veraneantes de postín, pero tamén algúns pobres que afeaban o conxunto e, sobre todo, poucas posibilidades de desenvolver axeitadamente o potencial inmobiliario da zona. Afortunadamente, caeulles do ceo a oportunidade de votar para alcalde a un empresario dinámico e con dotes mediáticas para distraer a atención e evitar que se centrara no cumprimento da normativa urbanística. Un problema cuspidiño ó dos alcaldes que protestaron o outro día no Parlamento baixo a consigna “Outra máis”. As prometidas e logo denegadas actuacións (campos de golf, aparcamentos para restaurantes, servicios para tanatorios…) poderán parecer cousa miúda ó lado do PE ou do de Marbella, pero, a escala, obedecen ás mesmas necesidades revitalizadoras das economías locais. E á mesma concepción das autoridades como conseguidores do que sexa. Se logo o que sexa sirve para algo ou non está de dios, pero no entanto foron uns cartiños e uns postos de traballo que se disfrutaron. Así, temos unha Cidade da Cultura, dous PE, tres aeroportos, catro trazados do AVE… e cando paremos de contar, que nos quiten lo bailao.

(para xoves, 1 de decembro de 05)


Nov 02 2005

Se rompe España

Categoría: Destafoisihomesi @ 1:27 pm

mapa
(e aquí o revelador documento gráfico collido co móbil que o proba )


Out 06 2005

4

Categoría: Destafoi, Matrix Press, Si home sisihomesi @ 12:44 am

Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4.

“Cuatro” ou “La Cuatro” é a opción televisiva que inicia a segunda revolución catódica, despois da irrupción das chamadas privadas. A denominación non foi unha mera ocurrencia do marketing. Por un lado, a súa “cadea anteccesor” é Canal +, que foi sempre o canal 4 (de feito, en Galicia as dúas españas difiren entre as que teñen sintonizado no 3 a TVG e os que lle outorgaron ese lugar no televisor a Antena3). Por outro, vender a idea da cuarta cadea xeneralista de ámbito español (aínda que en realidade sexa a quinta), é dar a entender que ó panorama televisivo faltáballe un lado. Os grupos de tres elementos suxiren inestabilidade, abocados a derivar sempre a ser dous contra un. E a maiores, a pantalla ten catro lados. Imaxino que algúns destes argumentos de peso foron os invocados para convencer ó goberno para que autorizase o novo canal, pero sexa como fose, entre esta cuarta opción que en realidade é a quinta e a pedrea de emisoras dixitais que se aveciñan vai ser como para pedir un ano sabático e acampar diante do televisor. Moito me temo que, igual que sucedeu cando a primeira revolución catódica, en lugar de aumentar a oferta o que vai pasar e que todas van competir en compracer a demanda, pero desta vez haberá un aspecto positivo: estímase que, coa audiencia tan repartida, a líder terá como moito un 18%. Así, posiblemente a oferta televisiva será igual de aburrida que agora, pero polo menos non haberá programas que determinen os usos e costumes do 50% da poboación.

     Pero o televisivo non é o único mundo presidido polo influxo do 4. Tamén no da política galega existe a expectativa soterrada e difusa da creación do partido número 4. Esa formación, naturalmente de centro, na que algúns dirixentes do PP (pero non soamente do PP) queren gardar a roupa por se non acadan a nado os seus obxectivos. Como no caso confirmado de “La Cuatro”, o por confirmar Partido nº 4 (PN4) non sei se servirá para algo en xeral, pero polo menos reduciría a previsibilidade do sector.

(para xoves, 6 de outubro de 05)


Set 16 2005

Novo Cuiña?

Categoría: Destafoisihomesi @ 1:18 am

tareixa
Con nocturnidade e alevosía, aproveitando que eu estaba de vacacións, o Vicepresidente de I+B designou como delegada na Coruña á miña amiga e case veciña Tareixa Novo. Na foto pódese comprobar que gran delegada perdeu Obras Públicas, aínda que tamén a resolución (de carácter, non de píxeles) que revela Tareixa aventura que os machistas e maltratadores téñeno crudo.


Set 02 2005

Lúa de mel, lúa de fel

Categoría: Destafoisihomesi @ 2:16 am

Primeiro desencontro no seo do que o PPdG, aínda noqueado, chamou no seu comunicado de prensa sobre o tema “o tripartito”. Fóra de quen teña a razón, no caso de que haxa unha, cada vez parece máis claro que o affaire Salario da liberdade foi un aviso a navegantes por despecho (despecho?) seguido de outro por orgullo. O mesmo que nas parellas (nas de dous, estimado PPdG). O pavero do asunto é que se produciu entre dúas persoas, Laura Seara e Quintana, que non soamente son paisanos de Allariz, senón que foron veciños do mesmo edificio. É mais unha premonición? a nena Laura dos Fandiños choraba moito de pequena e non deixaba durmir ós Quintana.
Se esta primeira crise motivouse por algo no que as dúas forzas están de acordo, e entre dous amigos, ou están eles a clase política moi susceptibles, ou o estamos nós.


« Páxina anterior