si home si

"El gallego no es ni un idioma, fue un invento de Pepe Domingo Castaño" (Intereconomía)

Arquivo da categoría ‘Estoume quitando’

Primavera, para que?

4 comentarios

Se hai algo sobrevalorado é a famosa primavera, esa estación que non é nin unha cousa nin outra. De entrada, non se lles fai raro que se chame “primavera”, e non primaveira, como parecería lóxico? A primavera como tal, soamente existe no Corte Inglés, e todos sabemos con que intención. Anque neste caso nin sequera lle podamos botar a culpa ó Corte Inglés, como pasa co día do Pai, ou con Papá Noel. A primavera xa ten de sempre unha sona inmerecida, baseada en medias verdades, ou en cousas que puideron ser certas hai tempo, pero que agora non son máis que tópicos.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

15 de Abril, 2009 ás 9:09 p.m.

Gardado en Estoume quitando

E-ducados

9 comentarios

Nunca pensei verme nestas, de verdade. Dando consellos en público, ou peor aínda, normas do que antes se chamaba urbanidade. Pero igual que a proliferación dos coches motivou que se implantaran algunhas regras (ir sempre por una man, deixando a metade da vía para os que veñen pola contraria) a chea de trebellos electrónicos que manexamos impón que se sigan uns comportamentos mínimos. E non caio no feo vicio de dicirlle ós demais o que deberían facer porque pense que é unha obriga cívica. A min, todos os que nos aeroportos, en canto chegan ó sitio de coller as maletas, prenden o aparato, din “oyé, que ya llegué”, e comezan a radiar o proceso ata que collen o taxi ou ata que o deixan, tanto me teñen. Se non coñecera ás empresas operadoras, mesmo abrigaría a esperanza de que a existencia dese tipo de usuarios supuxera unha baixa das tarifas para os demais. O meu é por puro egoísmo: amólame tanto que coman diante de min coa boca aberta como que berren ó meu lado polo móbil.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

12 de Xaneiro, 2009 ás 9:47 p.m.

Gardado en Estoume quitando

Os abominables homes dos resorts

5 comentarios

Eu tamén son humano. Unhas veces máis ca outras, pero humano. Así que tamén fun de vacacións a un sitio deses cheos de calor e de veraneantes (aquí a mostra de humanidade: non sempre fago o que digo, nin tampouco sempre digo o que fago). O sitio concreto non debería vir a conto, pero especifico que foi Lanzarote, e nun sitio deses que chaman resorts, que son como un campamento, pero de ingreso voluntario. Dígoo por se hai algún experto na sala que considera que algunhas das tremendas conclusións que saquei desa experiencia non son xeneralizables a todos os ambientes vacacionais e si exclusivos desa illa, ou ó revés. Así, ademais de ler, logo poden practican o bonito deporte da controversia, valendo chegar ás mans ou non.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

31 de Agosto, 2008 ás 7:32 p.m.

Gardado en Estoume quitando

Aliens attacks

3 comentarios

Posiblemente o peor desas 600.000 vivendas que pretenden erixir na costa galega os promotores –e grande maioría dos propietarios actuais das terras onde se construirían, dito sexa de paso- non sería o alicatado que quedaría o litoral, que tamén. O malo é a xente que aparecería esporadicamente coa escusa de que os comprou e que pretende pasar uns días neles ou alugalos.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

7 de Agosto, 2007 ás 11:08 p.m.

Gardado en Estoume quitando

Retrato do político como can da merenda

5 comentarios

Aviso a navegantes: Isto que se dispoñen a ler – nun acto de benevolencia que agradezo aínda que estea dictado polo aburrimento- é politicamente incorrecto por ser demasiado correcto politicamente, non sei se me explico. Tamén é editorialmente incorrecto, porque non pega moito co espírito do resto da revista. En resumo e con perdón, isto é unha chamada de atención para que lle collan aprecio á clase política.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

20 de Xuño, 2007 ás 10:24 a.m.

Gardado en Estoume quitando,Xeral

Se hai que ir, vaise, pero…

7 comentarios

O que non pasou por ese trago hai uns días, pasará dentro dunhas semanas. De feito, hai que pasalo dúas, tres ou catro veces ó ano. Por moitas experiencias que se teñan superado, por moitas veces que saímos delas dicindo que é a última e que nin de coña, recaemos sempre. É o que ten viaxar.

 

Hai moito tempo, nunha época tan remota en que incluso hai constancia escrita, acuñouse o dilema “mar ou montaña”. Tratábase dun dilema tan falso como ese de se che gustan morenas ou louras, porque daquela a xente viaxaba a onde podía, os que podían, e para quedarse alí meses enteiros. Era ir pasar o verán a outro sitio e non había nada que contar, quitado que alguén escordara un pe ou partira unha perna. Foi máis recentemente, cando a xente deu en discutir se viaxar á India ou a Nova York, ás Canarias ou a Benidorm, cando realmente empezou todo. As viaxes tiñan unha finalidade, ou peor aínda, varias: pasalo ben, coñecer sitios ou cousas, ter experiencias… En fin, é incrible a capacidade do ser humano para autoenganarse.

Das viaxes vólvese sen unha cadela, sen coñecer máis xente que a unha parella que valencianos que na ida eran moi simpáticos e na volta hai que lle pedir polo que máis quixera á azafata do mostrador que nos dera asentos na outra punta do avión. Vaias onde vaias, a quen atopas é a alguén xa coñecido: “¿Sabes a quen me encontrei facendo a horterada esa da foto aguantando da Torre de Pisa?”. E tampouco é que se coñezan sitios. A metade deles, por falta de tempo. Aínda rebentando de tanto andar, hai que acabar escollendo entre o museo tal e a rúa comercial cal. Decídeste polo museo (ó fin e ó cabo, sempre podes comprar algún detalle na tenda de recordos) para descubrir que está pechado e/ou en obras. Non dás atopado aquel famoso bar de copas im-pres-cin-di-ble do que che falou o teu amigo experimentado (en viaxes e/ou en fantasiadas) e mira que deches voltas ó barrio do demo. E aquela tenda tan fashion e non demasiado cara é agora un Zara, e para esa viaxe non necesitas alforxas (premonitoriamente, eu trouxen unha vez de Londres un moderno vestido punk que a agraciada, mirando a etiqueta, descubriu que estaba feito en Barcelos, Portugal).

E cargabas coa cámara de fotos a todas partes, a metade das veces medio paranoico por se cha levantaban, pero pagaba a pena, porque volvías cunha chea de carretes con fotos divertidas ou case profesionais. Total para que a única persoa que se resignaba a velas fose a dependenta da tenda de revelado, e para non cobrar as que saíran mal. Desde que se xeneralizaron as cámaras dixitais, nin a dependenta as ve (nin ti mesmo, sendo sinceros). Ademais, antes, calquera trangallada que trouxeras deses mundos, fose un toblerone ou un disco de Madness, era unha novidade (relativa, como demostrou o caso dos arreos punks made in Barcelos). Agora non é que todo o que por aí hai o haxa aquí, é que por aí fóra está todo o que hai aquí. Que hai o mesmo en todos os sitios, vamos (como demostra o caso de Zara).

Por non falar dos mosqueos. Os previos de decidir a onde se vai (“aí vai facer unha calor do carallo”/ “Para pasar frío, quedamos na casa”), os propios da viaxe (“se me fixerades caso e preguntaramos, que ese mapa do hotel non val para nada”) e os históricos ou consolidados, derivados dos dous tipos anteriores (“¿quen foi o que dixo de ir a New Orleáns, que alí os furacáns eran cousa normal?”/ “Polo menos non pasamos unha semana nunha casa rural vendo como chovía e coincidindo no comedor con medio corpo do profesorado de ensino medio”). As parellas que duran son as que nun momento determinado deciden parar de viaxar, e o mesmo vale para os grupos de amigos. E non me saír co ben que se pasa ou se pasaba viaxando cos colegas. Ós 20 anos ata pasar unha noite nun calabozo municipal xogando á brisca ten o seu punto de gracia.

Vale, o que queda das viaxes son as sensacións (“hummm, ule como Nairobi logo da chuvia”) e as anécdotas (“a min en Reikiavick pasoume unha cousa ben pavera”), mesmo as situacións un chisco traumáticas (“¿Mal rollo o de Ana María Ríos?, darse de conta en plena aduana de Tánxer de que levas unha china no peto da camisa, neno, iso si que é mal rollo, que o cónsul nin te chama e dos de Interviu xa nin falamos…”). Pero agora, coas viaxes aquí-te-pillo-aquí-te-mato sacadas de internet, a metade das veces xa nin recordas a onde sacaches o billete (“eu penso que ía a Viena, pero baixáronme en Cracovia, e non vexas qué marcha e canta pedra. Agora que o penso, ¿non sería Santiago? O aeroporto parecía Lavacolla…”).

 Así que o mellor é quedar na casa, e se hai necesidade, aboarse a eses canais temáticos (que gravaron as sitios con calma e cando estaban abertos) e facer os comentarios mudando habilmente o “a min pasoume en” por “isto mesmo pasa en”…

(Revista GPS, abril de 2007)    

Escrito por sihomesi

25 de Abril, 2007 ás 9:56 a.m.

Gardado en Estoume quitando

Gústache conducir?

2 comentarios

As autoridades todas están empeñadas en sacarnos dos vicios, incluso dos vicios que eles practican, a pesar dos cartos que as institucións ingresan a conta deles. De todos os vicios, hábitos e toxicomanías, quitado do máis perigoso e custoso que hai, e do que eles sacan máis proveito: conducir.

         Conducir non é unha toxicomanía, berrarán indignados os representantes dos sectores automobilísticos, as redes de concesionarios e as asociacións de profesionais do volante (poderían limitarse a desmentilo, pero ultimamente os representantes de sectores serios e importantes, como os promotores inmobiliarios, compórtanse cando fan declaracións como participantes en Gran Hermano). Claro que o é. Hai unha chea de estudios científicos –e se non os hai, non sei en que outras investigacións irrelevantes se perde o tempo- sobre a influencia que ten guiar un coche no comportamento humano. No masculino, en concreto, que é metade de todo o comportamento humano, o feito de que algo funcione dándolle cos pés mentres agarramos unha cousa redonda e o mundo ó redor fai brrrm, brmmm, é evidente que enche grande parte das nosas expectativas. No caso feminino, a satisfacción de conseguir que algo faga caso sen terlle que repetir as cousas cincuenta veces, é obvia, e moito máis se a maiores é perfectamente compatible con todas as amigas e amigos e non toma a mal que o tomes e o deixes cando queiras.

         Esa gratificación sensorial primaria é unha das sensacións máis  características das drogas. Como tamén o é a insatisfacción posterior, sen que iso provoque que se deixa de usar e abusar delas. É decir: de mañá sabemos de sobra que no coche tardaremos 30 minutos en facer un traxecto que se faría en 5 nun tren, ou en 20 minutos en bicicleta, e que a maiores pasaremos como mínimo un cuarto de hora esperanzados en atopar onde aparcar, ata que se nos rompeu a ilusión de tanto rular (como decía  Rocío Jurado do amor) e acabamos meténdonos nun parking. Sabémolo, pero collemos o coche igual. É que non hai tren, nin bus, e calquera vai en bicicleta neste tempo/con estas costas/no medio deste tráfico, dirán. Se ós conductores lles interesara que houbera transporte público, xa lle terían mandado o aviso ós políticos, xa lles terían esixido unha solución ou tan siquera uns parches.

         Vale, é certo que hai que ir traballar todos os días. Pero a ver como se xustifica coller o coche un sábado ou o venres pola tarde para ir a un macromercado, a dar voltas procurando unha praza para estacionar en dura loita co resto do mundo, igual que os bichos dos documentais cando buscan parella, guarida ou comer sen que te coman. Por aforrar, si home si, vai ser por aforrar. Entre o combustible e as chilindradas que se acaban comprando a maiores (eu unha vez estiven a piques de facerme cunha mezcladora de cemento de oferta) está demostrado que se gasta de máis un 10% máis do que se tiña pensado gastar de menos (ou algo así). É o que ten o mundo da droga: que os adictos non recoñecen a adicción.

         Por esa mesma razón, os anuncios de coches son como son. Soamente son comprensibles logo de inxerir unha considerable dose de estupefacientes. Por iso fai tanta gracia e se fixo tan famoso o do chino decindo o da auga. De feito, a versión orixinal (logo cortáronse, pero era así) da publicidade de BMW era “Gústache conducir, eh? vicioso”

25/11/06

Escrito por sihomesi

20 de Decembro, 2006 ás 5:01 p.m.

Gardado en Estoume quitando

Arte de facer fillos

un comentario

Hai quen poida pensar que isto da reproducción humana é unha cousa sinxela, ben pola reflexión teórica de que a humanidade se deu apañado ata hoxe para correr a bola da vida, ben por algunha experiencia persoal práctica que vostedes poidan ter. Pois por moita reflexión filosófica, moito coñecemento histórico ou moita experiencia que lle boten, non é certo. Ter un fillo (ou filla, claro) é toda unha arte.

         A primeira condición –non imprescindible, pero desde logo absolutamente recomendable- é ter unha razón para facelo. (Falo de razóns, non de escusas, é decir non valen as do tipo: “non sabiamos o que facíamos”, “estabamos os dous un pouco calzados”, “atravesaba un mal momento”…). As mellores razóns son as razóns de tipo elevado, como estes argumentos a favor da procreación que daba xa en 1947 José Fraga Iribarne, adiantándose ós que medio século despois repetiría o seu irmán Manolo: “Todos los desórdenes sociales de nuestra época no parten de la falta de medios económicos, sino de la desorbitación de las necesidades. La sociedad española pierde a pasos agigantados la idea de servicio. No basta una política demográfica estatal que conceda cartillas de familia numerosa con exención en los billetes ordinarios. Es preciso que otra vez los hombres y las mujeres de España crean con fe viva lo que nuestros abuelos creyeron: que el matrimonio tiene por fin criar hijos para el Cielo”. Altura de miras, toda, desde logo. Claro que se lles parecen altas dabondo, están as máis modestas –sen deixar o elevado- que comentaba/cantaba Pucho Boedo nun tema de Los Tamara: “¡Un gallego más en la familia, que maravilla!”

         Pero ademais dos obxectivos celestiais ou da cría de galegos, hai que ter razóns sólidas. Entre outras cousas, para afrontar atrancos como os económicos. Hai estudios e informes de toda índole estimando ó detalle os custes de manter dignamente un neno, pero ningún supera en certeza e expresividade a análise que fixo O Marqués, un elemento característico da fauna noctámbula coruñesa, no programa Adiviña quen ven esta noite que presentaba Xosé Ramón Gayoso. Aquel Gayoso pre-Luar pero xa marcadamente campechano preguntáralle a aquel individuo, que se rumoreaba que ninguén o vira polo día desde había anos, se non contemplaba a posibilidade de ser pai: “¿Un hijo?” – sorprendeuse o Marqués- “¡pero si sale más caro que un Ford Escort!” (nota para habitantes destes tempos en que un Mercedes teno practicamente calquera ó que non lle asuste o prezo dos recambios: un Ford Escort era un coche de gama alta, non tan alta como a retórica de José Fraga Iribarne, pero tampouco ó alcance de todos).

         Tamén hai que estar moi firme na decisión de procrear para soportar o debate continuo de a quen se parece o consecuencia do decidido. Todos sabemos que os recienes parecen o resultado dun cruce xenético entre un ser humano (que aporta a forma) e unha pasa (o tamaño e a textura), pero eso non refreará a controversia. Repasen calquera cuestión que os teña completamente aburridos (que pasou o 11-M, por que arden os montes, está vivo Elvis, hai vida intelixente fóra de aquí ou tampouco) e será unha miudeza ó lado da polémica de se o nariz é da familia paterna, da paterna rama materna, da materna ou da materna-materna. Se as orellas son do tío Tal ou do primo Cal. Todo pichichi que desfile polo berce discutirá mesmo a quen se vai parecer de maior. Máis ca un fillo parece que tés un retrato robot.

         Se afrontas e superas todas esas probas, todo o mundo se apresurará a darche a noraboa. Pero non é polo que pensas. É porque como xa ninguén agarda a poder vivir dos fillos propios, caso de telos, a ver se polo menos os fillos alleos nos garanten que de vellos nos vaian pagar as pensións.

 (Revista GPS, setembro 06)

 

 


Escrito por sihomesi

8 de Outubro, 2006 ás 1:53 p.m.

Gardado en Estoume quitando

Palabras que deberían sufrir un accidente

11 comentarios

As palabras son como os alicates ou os ollos azuis. Ferramentas útiles para labores e propósitos de todo tipo, que se poden usar ben ou mal. Pero hai outras que son como as navallas barbeiras: puideron servir para algo bo no seu tempo, pero agora máis vale restrinxir o seu uso para non mancarse e evitar desgracias.

Por exemplo, para empezar por unha que afecta ó meu gremio, a expresión periodista de raza. ¿De que raza?, ¿de raza equina? Ninguén fala de enxeñeiro de raza, ou de calafateador de buques de raza. Unicamente de xornalista/escritor de raza, co que se parece indicar que os aludidos poderían ter a oportunidade ou a posibilidade de exercer un oficio decente e respectable, pero foi a súa mala cabeza ou as malas compañías os que os meteron nun vicio nefando e nun hábito deleznable do que non deron saído. Outra é esa de ejercer de gallego. ¿A que se refire?, ¿a xente que non o é e andan de intrusos, de galegos sen carné? Como decía o pai do protagonista paquistaní da película Mi hermosa lavandería (aquela de Stephen Frears que contaba os amores entre un skin e un paki) cando o acusaban de non perdoarlle as mensualidades ós compatriotas que tiña de inquilinos, “son un paquistaní, pero non un paquistaní profesional”. Posiblemente aluda ós que non lles importa que se note que son galegos, non como o Israel aquel de Gran Hermano¸ o pasmón aquel de Ourense que en cando se tirou pola pendente do show bussines, foi a un logopeda a que lle quitara o acento, cando o que tiña que facer era pedir cita en Corporación Dermoestética para que lle quitaran os coloretes da cara que o revelaban como un comedor de touciño. Pero tampouco neste caso se escoita moito que alguén exerza de catalán ou de castelán e/ou leonés, ou sexa que a pertenza profesional á patria chica (outra parvada, por riba cursi) parece estar reservado a aqueles que deberían agachar a súa orixe, e incomprensiblemente non o fan.
Con todo, a palabra que máis odio é terruño. Cando din de alguén (ou mellor cando escriben de alguén, ninguén utiliza esa palabra na fala) que está “apegado a su terruño” están decindo en realidade que é un tipo cun torrón por cerebro, un cavernícola, no mellor dos casos ben intencionado porque non coñece outra cousa. A súa utilización revela en quen a usa que el si que é un “terruño”, que pensa como seu pai e escribe igual que o seu avó. Non son manías. As palabras sirven para o que sirven, como eses que botan man do tópico dos gallegos en la escalera (outra!) como pretendido argumento de ineptitude ou de reserva, cando os ineptos non son os que suben/baixan, senón os que non saben ver se sube ou baixa o galaico observado. O mesmo que a vergüenza del gallego que define a derradeira porción de comida que queda. ¿Por que non se recoñece que o que se deixa no prato é máis ben a cortesía del gallego, por se alguén queda con algo de fame?
Estas non son teimas persoais. Recentemente houbo unha petición de retirar o diccionario da Real Academia Española as acepcións de gallego como “tonto” (en Costa Rica) e “tartamudo” (en El Salvador) que aparecen antes que “lengua de los gallegos”. A Academia respondeu que non podía porque é o que hai e son antigas, pero tamén no Diccionario del Español Actual aparecen as definicións “persona reservada y que no manifiesta francamente lo que piensa” e “mozo de cuerda”. Ou sexa, que por pouco que se usen e por moito que amolen, a esas expresións non as van xubilar, así que habería que facelas desaparecer. (Xa saben, de forma que pareza un accidente).

(Revista CAÑA, xullo 06)

Escrito por sihomesi

23 de Xullo, 2006 ás 3:43 a.m.

Gardado en Estoume quitando

Odio ser de aquí

12 comentarios

Ben, o titular é para que picaran, pero non é que estea precisamente contento con ser galego. Non é que me desguste a comida, ou a bebida. Ó revés, o ser humano é unha construcción a base de herdanzas e costumes, e se os nosos pais, a sociedade na que medramos, se fixeron a base de porco e sardiñas, o normal é que nos gusten a nós, quitado traumas infantís ou indixestións. Ata tal punto que eu recordo ter entrevistado a un fotógrafo cubano moi famoso, David Corral, o que fixo as imaxes de Fidel entrando na Habana, e recordaba que os pais eran de Lugo, e a pesares de que sempre foran pobres, nunca comían millo, porque decían que era para os porcos, cando veciños seus emigrantes da Coruña ou Pontevedra non tiñan problema ningún.

A min o que me mata é o noso pensamento dominante, o que lle chaman mainstream, o deixarse levar pola corrente. Por exemplo, os galegos somos nacionalistas de máis. Sobre todo –e quizais exclusivamente- fóra. Xente que aquí pide perdón se diante dun primo de Madridsi se lle escapa unha frase en galego (“manda carallo na Habana”, por exemplo), empéñase en comer empanada se vai de viaxe a New York. Eu mesmo fíxenme cuns chourizos de Lugo en lata nunha tenda para turistas en Cayo Largo, logo dunha semana farto das exquisiteces do buffet libre incluído no paquete de viaxe, por aquilo que comentei da idiosincrasia da paparota. Pero é que, posto na praia de Copacabana, o galego medio apreciará a fermosura e as dimensións do areal, pero seguro que acabará rosmando: “ben, mal non está, pero está mellor a da Lanzada/As Catedrais, e a de Riazor/Samil é moito máis cómoda”.
Tamén me parecemos excesivamente liberais. Non soamente liberais nos costumes, que é unha cousa que está ben, senón no económico, que está depende. Paul Lafarge, xenro de Carlos Marx, xa falaba mal de nós como adictos irremediables ó traballo no seu libro O dereito á preguiza. Para os galegos, todo esforzo é pouco, e o traballo é fonte de toda salvación e remedio dos males todos (“se traballaras…” é a resposta máis habitual a quen nos conta algunha desgracia). E temos unha concepción tan ultraliberal do que é público que, ó noso lado, Emilio Botín é un stalinista de plan quinquenal. Somos tan anti-estado que a propiedade pública non se supón que é de todos, senón de ninguén.
E somos tamén unha xente demasiado progresista, contra o que se pensa. Conservadores son os xaponeses, os británicos, e se me apuran, os asturianos ou os vascos, pero aquí non se conserva nada. Os xaponeses levan facendo a mesma cerimonia do té desde antes de inventarse as tazas, pero aquí chegou o invento de electrocutar os porcos e xeneralizouse ata que se comprobou que prexudicaba o sabor da carne (progresistas si, pero sempre que o progreso non afecte ás esencias). E hai pouco, os veciños dun lugar tiraron o muro de pedra dun camposanto que tiña 300 anos “porque pensamos que non valía nada” (progresistas si, sempre que non afecte á economía) e na cosmopolita Coruña derruban edificios catalogados arquitectonicamente porque non son modernos bastante como para ter garaxe. Sinceramente, penso que se algún día un desastre nuclear arrasase un sitio, calquera veciño que volvese comentaría satisfeito: “¡Como cambiou todo!” (de feito é o que comentan cando volven a sitios desfeitos por construccións horrendas).
En resumo, somos tan idiosincráticos que apreciamos as cousas cando xa non as temos, e somos tan progresistas que pensamos que somos demasiado conservadores. E así non hai maneira de identificarse con esta xente.

(Revista CAÑA, maio 06)

Escrito por sihomesi

16 de Maio, 2006 ás 9:02 a.m.

Gardado en Estoume quitando

Switch to our mobile site