Arquivo da categoría ‘Destafoi’
4
Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4.
Novo Cuiña?
Con nocturnidade e alevosía, aproveitando que eu estaba de vacacións, o Vicepresidente de I+B designou como delegada na Coruña á miña amiga e case veciña Tareixa Novo. Na foto pódese comprobar que gran delegada perdeu Obras Públicas, aínda que tamén a resolución (de carácter, non de píxeles) que revela Tareixa aventura que os machistas e maltratadores téñeno crudo.
Lúa de mel, lúa de fel
Primeiro desencontro no seo do que o PPdG, aínda noqueado, chamou no seu comunicado de prensa sobre o tema “o tripartito”. Fóra de quen teña a razón, no caso de que haxa unha, cada vez parece máis claro que o affaire Salario da liberdade foi un aviso a navegantes por despecho (despecho?) seguido de outro por orgullo. O mesmo que nas parellas (nas de dous, estimado PPdG). O pavero do asunto é que se produciu entre dúas persoas, Laura Seara e Quintana, que non soamente son paisanos de Allariz, senón que foron veciños do mesmo edificio. É mais -unha premonición?- a nena Laura dos Fandiños choraba moito de pequena e non deixaba durmir ós Quintana.
Se esta primeira crise motivouse por algo no que as dúas forzas están de acordo, e entre dous amigos, ou están eles -a clase política- moi susceptibles, ou o estamos nós.
Moito que contar
O día que se soubo o da traxedia de Afganistán, chamoume un colega -chamémoslle V- que non ten a miña sorte de estar de vacacións. El tiña que papar informativamente o drama, e coma sempre, intercambiamos comentarios sobre o moito que dexenerou o xornalismo de sucesos e a incomodidade que supón terlle que entrar ós achegados das víctimas en momentos así. (Wenceslao Fdez. Flórez deixou o reporteirismo polo columnismo o día que non se atreveu a preguntarlle ó desolado propietario dun aserradeiro coruñés arrasado por un incendio pola cuantía das perdas). V decíame que alí ninguén quería contar nada, os achegados con razón e os non achegados, con máis porque non sabían nada.


