Volveume esquecer, nesta ocasión por dous meses redondos, mencionar o terceiro aniversario deste taboleiro dixital, máis que blog. 500 posts e uns milleiros de comentarios que non podo precisar porque xa non sei onde se mira cantos van -antes diciamo sen preguntarllo-. Tampouco a cantidade de visitantes, porque cambiei de cabalo contador a metade de carreira, pero o que importa é a calidade, a súa. Saiban que estou tan agradecido polas visitas como os que se mudan a unha casa no campo.
Lamento non ter noutra nesta ocasión que ir a favor de corrente e non poder deixar claro unha vez máis que son un tipo rabudo e insatisfeito, facendo unha demostración de heterodoxia, pero se as políticas e os xestos que está a facer o Goberno é progresismo, que o demo me leve (non se me alegre, estimada sogra, que como moito, para a semana xa se me pasa). Non vou cair na demagoxia de mencionar o que pensaría Pablo Iglesias se levantara a cabeza, pero non debe dar crédito ó que está pasando nin Carlos Solchaga, aquel home pequeno que constituía un exemplo grande do que era a socialdemocracia tirando a neoliberal.
Continuar lendo “Progresismos”
Outra vez escribindo en castelán de temas de Galicia. Estáme ben por pretender que se publiquen.
Por certo, esquecín mencionar a necesidade de facer máis urbana a mensaxe. A ver se doutra.
Permítanme que lles escriba de algo do que sei bastante pouco. Así que tanto me poden agradecer a sinceridade como discutir os meus argumentos con máis razón que nunca, como levar áncoras lectoras na procura de portos máis seguros e fiables. Pero a ignorancia é atrevida, e non me podo resistir a apuntar co dedo a certos aspectos do affaire Martinsa-Fadesa que serían paveros se non se tratara dunha crise que afecta a unha chea de xente. Pero non deixa de ser rechamante que a situación de auxe e caída do imperio do ladrillo estea provocada non por aquelas medidas que o sector criticaba porque supoñían “matar a la gallina de los huevos de oro” (queixa textual), senón porque como no conto orixinal da tal galiña, foi o propietario propio quen a matou.
Continuar lendo “…e con Martinsa dando”
Lin ou escoitei o outro día o argumento de que unha sociedade que admite como normais as relacións humanas de teleseries como Aída¸ non se escandaliza de nada, ou de ben pouco. Estou de acordo. Pero se a sociedade é aberta e plural que mete medo, non se pode dicir o mesmo das súas clases dirixentes, en concreto dos poderes fácticos cuxas maneiras de ver o mundo –o que está ben e o que está mal- se adiviñan, por exemplo, no comportamento dos medios de comunicación.
Continuar lendo “¿Por que no la besa?”
Non hai nada como non abrigar esperanzas de ter algo para acabalo conseguindo, asegura unha crenza tan escéptica como precapitalista. Quen algo quere, ou pon o que lle ten que poñer, ou máis vale que non se queixe se non o acada, rezan as teorías do esforzo en boga. Pero o caso é que a selección española de fútbol ganou a Eurocopa non digo que sen botarlle ganas, pero desde logo sen moitas esperanzas, nin fóra, nin sequera entre os seguidores de aquí. Pola contra, o triunfo da que agora se lle chama familiarmente “la roja”, con esa confianza e campechanía que factura a información deportiva, é a derrota de todos os tópicos sobre o asunto. E fáganme caso, que eu de fútbol non entendo nada, pero de asuntos, o que me boten.
Continuar lendo “We are the champions”
A miña contribución -na lingua común- á moda Manifiesta
A rotonda é o símbolo de en que se ten convertido Galicia. Tiñamos moi claro cómo facer as cousas tradicionalmente, pero non temos resolto de todo como afrontar os novos usos. Os cruces dos camiños era lugares de descanso e referencia, e neles construíronse cruceiros. Os sitios onde confluían as carreteras estaban chamados a progresar como asentamentos de poboación, e o primeiro que xurdían eran os bares. Pola contra, nas rotondas, ese invento para axilizar e distribuír o tráfico, está prohibido parar, e nelas medran cousas. Cousas varias porque as rotondas, igual que outro fenómeno recente e emerxente, os tanatorios, non atoparon aínda o seu estilo definitorio. O estilo tanatorio persegue que ninguén o confunda cunha casa, nin tampouco cun bar, nin cun edificio público, sexa centro de saúde ou central de correos, e de momento vai asentándose como unha mestura entre panteón neoclásico e chalé exipcio. O estilo da rotonda, dentro de redondez obrigada, é vario, pero tamén deriva a que no medio lle poñan algo, normalmente o que lle peta/presta ó alcalde. Así, dando voltas, chegamos á rotonda de Nirvana, Perillo, Oleiros, onde o goberno local instalou o Che Guevara que vén nas camisetas, pero en releve e de 8 metros de altura.
Continuar lendo “A rotonda como metáfora”
Escribín o que escribín, pero eu estou coa liña correcta (na páxina 4)
O desengano forma parte da vida, e mesmo hai quen asegura que a porcentaxe de felicidade está en relación directa coa capacidade para asumilo. Que tanto che teñan as cousas cando non veñen dadas como querías, noutras palabras. A min iso de Europa non é que me parecese unha panacea, pero tendo en conta de quen estivemos dependendo toda a vida, agradecíase un certo grado de a civilización e de educación no que ten collida a vara por onde non manca. Pois considérenme non como un desenganado, nin tampouco como un deses chamados euroescépticos (que, no fondo, o que son son uns pailáns atrincheirados). Métanme directamente no saco dos cabreados. Nestes momentos non teño a man os ensaios de Camilo Nogueira Galiza na Unión. A porta atlántica, ou Europa, o continente pensado (nin a paciencia precisa, caso de telos) para que os argumentos do optimismo eurocamilista contrapesen as ganas de mandar ás institucións europeas a rañala por aí. Desapúntenme, vamos.
Continuar lendo “Se esta é a Europa aquela…”