Etiquetas
Isto de ser periodista é algo moi delicado. Difícil non, pero si delicado. O problema non é enterarse das cousas. Como asegura o dito profesional, temo un océano de coñecementos… dun dedo de profundidade. As cousas que lles contamos, na súa maioría, sabémolas porque nolas contan os interesados en que vostedes as saiban. Cando algún de nós conta algo que os demais xornalistas non sabe, polo xeral tamén é porque alguén llo contou para que se soubese. Contadas veces descubrimos algo fozando pola nosa conta, e cada vez descubriremos menos, porque hai que estar a máis cousas e somos menos. Como dicía, o problema non é saber o que pasa. Calquera que traballe no porto –é un dicir- sabe mellor que calquera de nós da actividade portuaria, e quen teña un bar ou un supermercado moito máis da crise e dos seus efectos. O quid está en saber cando poder contalo. E non soamente polo das probas.

