Arquivo do tag ‘Facenda’
As vantaxes de ser rico
Non deberon tocar o tema no debate do estado da nación, ou polo menos eu non o vin entre os ríos de tinta e nos mares de ondas –ou como se transmitan agora as emisións radiofónicas e televisivas- que houbo sobre tan decisivo acontecemento. E miren que ademais do quítate-tu-pa-ponerme-yo se falou da crise. Pero non de cómo afecta a cada un segundo quen veña sendo. Por exemplo, segundo o Instituto Nacional de Estadística, en 2009, o ano da recesión, o salario medio (medio estatísticamente, porque en realidade de medio non ten nada, é de 63.150 euros) subiu un 4,5% en 2009 mentres o do traballador medio (este si é medio: 22.511 euros) incrementouse nun 2,9% . E o dos peóns (15.343 euros, o salario más habitual nos empregos en España, sexan cualificados ou non) non subiu.
Solidariedade con CR7
A medida esa de igualar a fiscalidade das futbolistas estranxeiros que ganan máis de 600.000 euros coa dos futbolistas españois que ganan máis de 600.000 euros, é criticable por todos os lados. Por exemplo, porque se toma agora, cando a crise sigue caendo como ballón en outono –é dicir, sen trazas de que escampe en breve-, e non se tomou antes. Porque non é para tanto, xa que soamente suporá que o Estado ingrese uns 100 millóns de euros anuais, e non afecta máis que a un cento de contribuíntes. Porque é o chocolate do loro que o PSOE lle dá aos grupos de esquerda, IU e BNG, para compensar outras medidas progresistas que debería tomar e non toma. Porque as medidas fiscais necesarias non son esa miudeza, senón as que equilibren a desproporción actual de que o 70% dos ingresos do IRPF poñémolo os asalariados, que pagamos ademais de media o triplo que os empresarios. Pódenselle facer as críticas que queiran a esa decisión, quitado unha: que non é xusta.


