Arquivo do tag ‘futbol’
E dálle coas dúas Españas
Non son especialmente futbolero, vexo ou non a media ducia de partidos do século que hai en cada tempada. Aínda que teña os meus colores, nin falo demasiado do asunto, e escribo menos, porque considero que o fútbol é un crenza coma outras, que se deben tolerar mentres se manteñan no ámbito da privacidade. Se alguén considera que non se debe comer carne uns días determinados do ano, ou que o matrimonio é unha decisión que podes tomar, pero non rectificar, ou que hai que levar o pelo sen cortar e recollido nun turbante, e actúa en consecuencia, pois moi ben, sempre que non intente facer seguir esas normas aos demais. Aí xa estamos falando doutra cousa. Por esa razón véxome na obriga de tocar o Real Madrid-Barça. Porque as súas consecuencias, do último partido, dos anteriores e dos que virán, van máis alá das alegrías ou as tristuras que teñan os seus respectivos adoradores (quero dicir seguidores), e están afectando ao conxunto da sociedade.
Solidariedade con CR7
A medida esa de igualar a fiscalidade das futbolistas estranxeiros que ganan máis de 600.000 euros coa dos futbolistas españois que ganan máis de 600.000 euros, é criticable por todos os lados. Por exemplo, porque se toma agora, cando a crise sigue caendo como ballón en outono –é dicir, sen trazas de que escampe en breve-, e non se tomou antes. Porque non é para tanto, xa que soamente suporá que o Estado ingrese uns 100 millóns de euros anuais, e non afecta máis que a un cento de contribuíntes. Porque é o chocolate do loro que o PSOE lle dá aos grupos de esquerda, IU e BNG, para compensar outras medidas progresistas que debería tomar e non toma. Porque as medidas fiscais necesarias non son esa miudeza, senón as que equilibren a desproporción actual de que o 70% dos ingresos do IRPF poñémolo os asalariados, que pagamos ademais de media o triplo que os empresarios. Pódenselle facer as críticas que queiran a esa decisión, quitado unha: que non é xusta.
Será por cartos
En contra da opinión maioritaria, a min pagar 94 millóns de euros por contratar a Cristiano Ronaldo non me parece mal. E non precisamente porque sexa madridista. Nin polas razóns do chiste dos de Bilbao que discuten os 20.000 millóns de pesetas que custou o Guggenhein e conclúen: “bueno, si mete goles…” De entrada, non comparto a validez desas comparacións de cantos hospitais se poderían construír, ou cantos vellos atender como se debería, coa cantidade de cartos que meteu o Real Madrid en comprar a Ronaldo III. Todos os domingos hai xente que gasta nunha entrada de fútbol un diñeiro que permitiría vivir un mes enteiro a unha familia de Burkina Faso, sen que se lle reproche nada. Tampouco vexo relación entre a situación de crise e o contrato deste Ronaldo, sucesor daquel outro Ronaldo calvo e do Ronaldinho dos dentes. Quen se queira indignar cos beneficios que sacan algúns no medio da miseria dos demais, ten unha chea de obxectivos a maiores deste. Eticamente, gastar 162 millóns en dous contratos –e o que veña- é unha desfachatez, pero o que a min me amola é o que ten de trato desigual.


