Arquivo do tag ‘incendios’
Como tirar proveito dos incendios
Unha vez, en New York, leváronme a un restaurante de Little Italy do que se dicía que era da Mafia, ou que o frecuentaran ou frecuentaban mafiosos. A verdade é que, estreito, coas mesas de formica e o piso de baldosa hidráulica, o que me recordaba era aos bares de cando era rapaz, e o feito de que os camareiros fosen distantes e despegados, aos que coñecín cando era estudante, en Compostela ou Madrid. Pero o caso é que aquela sona de lugar criptomafioso de seguro que non lle viña mal desde o punto de vista do negocio. É que das desgrazas e da cara negativa da existencia sempre se pode sacar algo positivo, como comproban os programadores de reality shows e o propietario daquela atracción festeira ao que se lle quedaron uns clientes papo abaixo durante media hora na Coruña, e cando reiniciou o seu periplo, foi atopando clientes que lle pedían que os deixase pendurados dos pés, para ver que se sentía. Tamén houbo xente, de mariñeiros a promotores inmobiliarios, que sacaron rendibilidade da catástrofe do Prestige. Así que, por que non tentar tirarlle algo de proveito á lacra dos incendios forestais?
O lume queima algo máis que o monte
Os desastres retratan sempre dous aspectos, tanto da cidadanía como das administracións: os sistemas de prevención ou de resposta, e a actitude. No caso do Prestige, a cidadanía pasou o exame con nota máis que alta, e as administracións suspenderon clamorosamente. No que respecta á capacidade de prever o desastre ou de remedialo, os gobernos galego e central foron unha calamidade, como lle pasou aos anteriores que se viron neses fregados. Pero no que acadaron as máis altas cotas da miseria foi na actitude: primeiro na de pretender agachar a traxedia, e logo na de embestir contra os que a denunciaban. No dos incendios forestais, a cidadanía non saca tan boa nota, e a administración –a Xunta, a quen lle corresponde o problema- non só suspende en eficacia, como é tradicional, senón que volve ás andadas na actitude: a de pretender ocultar a realidade.
Incendios
Desde onde estou agora, vexo desde hai días arder ou fumegar un monte por riba de Baiona. As miñas cuñadas aseguran que antes de que eu chegara, xa ardera unhas catro veces. Non comento nada máis comprometido que “xa…” porque supoño que a seguinte xogada é preguntar o porqué, e eu descoñezo o porqué, ou podo apuntar tantos que é como non apuntar ningún. De feito, coincido con Brétemas nas terrazas do paseo marítimo ese que popularizou Carlos Casares e o tema case único de conversa son os lumes, sen que ningún dos tres (a terceira era a súa muller) deamos saído dos lugares comúns.
Actos de servicio
Discutían o outro día diante miña unha parella de xuristas da miña familia política (que unha cuñada e o seu home, aclaro para evitar malas interpretacións) cunha amiga sobre o que eles comprobaban uso mal intencionado e desproporcionado da lei contra a violencia de xénero. Como non teño demasiada idea nin experiencia sobre o asunto, eu estaba convenientemente calado ata que a miña –aí si- sobrada experiencia como bocazas me fixo apoiar a opinión cuñadil de que quizais podería non ser estrictamente constitucional usar distintas varas para medir conductas delictivas, dependendo do sexo de quen as comete. Aínda que hoxe me veu dar a razón Empar Moliner, quedei, como era de esperar, como un apoloxista da violencia sexista, pero o peor é que, cando reflexionei pola miña conta, decateime de que hai distintas varas de medir ata en aspectos tan regulamentados como as mortes en actos de servicio.


