Arquivo do tag ‘Mariano Rajoy’
Mariano, é realmente necesario o de Mecano?
Téñolles que confesar que sempre penso o mellor da xente, pese a todas as experiencias. Por iso confiaba en que as medidas que anunciaría o futuro presidente do Goberno serían as que pretendían amañar a economía, que é non soamente o principal problema que nos afecta, senón precisamente o que o levou á Moncloa. E teño que confesar tamén que estou decepcionado. Mesmo preocupado. Xa sei que Mariano Rajoy non ten por que someter a súa axenda de pensamento, palabra, acción u omisión á necesidade de ter titulares todos os días (non sei se os mercados teñen tanta paciencia, non os trato persoalmente). Pero as que foi deslizando na campaña ou adiantaron os seus colaboradores son tan preocupantes como as que non deslizaron nin adiantaron, pero todos nos tememos, como a suba do IVE, a rebaixa das prestacións e meterlle a man no peto a funcionarios e quen se deixe.
A carta de Jaime e Mariano
Veño de recibir, como imaxino que moitos de vostedes, unha carta de Jaime Mayor Oreja pedíndome o voto para o Parlamento Europeo, acompañada da correspondente papeleta, por se teño a ben facerlle caso. A min sempre me pareceu un dispendio o envío de papeletas a domicilio, a maiores do risco de que os nosos datos postais estean en mans das forzas políticas. Sempre fago uso da cabina, porque ata me parece máis democrático, coa experiencia que arrastramos, elixir o voto no colexio electoral e non vir votados da casa. Pero co da carta estou moi de acordo, e gústame recibir unha misiva persoal de quen pretende o noso voto, aínda que a sinatura sexa tan de verdade como a preocupación pola paz no mundo que declaran as participantes nos concursos de beleza.
O perdón do ‘Prestige’
Non sei a experiencia que teñen vostedes en sentencias xudiciais. Espero polo seu ben que pouca. Eu teño algunha, porque por razóns profesionais hai que ler de todo, e para min son unha das probas da existencia dos mundos paralelos, ou como moito tanxentes. Unhas máis ca outras, claro. O que normalmente se entende delas -en ocasións o único que se entende-, é a parte que comeza «Resolvemos» que vén sendo como dicir «Acabáramos». Do asunto do Prestige, do único que zafei foi precisamente da instrución do sumario xudicial, circunstancia que agradezo, así que non lles podo dicir a miña opinión, caso de que lles interesara, sobre a xusteza ou xustiza do auto do xulgado de Corcubión no que exculpa ó daquela director da Mariña Mercante, José Luis López Sors, e polo tanto ó Ministerio de Fomento, e no fondo, ó Estado. Que fixeron ben, vamos, mandando o petroleiro ó quinto pino.


