Etiquetas
Ana Mato, copago, farmacia, Gallardón, marea blanca, médicos, Ministerio de Justicia, Ministerio de Sanidad, privatización sanitaria, sanidade pública
“É que este é o que me fai ben”. A velliña agarrábase a un sobado envase vello dun protector estomacal como hai miles de anos os nosos antepasados se agarrarían a un talismán ou hai non tanto a un escapulario. O mancebo (na placa, “auxiliar”), explicoulle outra vez que aínda que o que a ela lle facía ben custaba o mesmo, estaban obrigados a darlle o xenérico. O que tiña que facer era dicirlle o médico que lle receitara ese concreto. “É que non teño que volver ata dentro de catro meses, se aló chego”, resignábase a señora. Probablemente noutra época, todos os que agardabamos que se resolvese a crise do protector para que nos atendesen a nós, rosmaríamos polo baixo a teima da vella, que que máis lle tiña unha cousa que outra, e veríamos natural que o auxiliar lle dixera algo así como “mire señora, é que o hai, lévao ou non?”, porque ben se vía que non era clienta habitual. Pero non lle dixo iso. Púxose a fedellar no ordenador. “A ver se facendo como que non temos, o programa traga… A ver… Pois si”. E foi á rebotica e volveu co fármaco avogoso.