Arquivo do tag ‘medios’
Breves apuntamentos sobre Galicia Hoxe
- O tamaño non importa de todo, pero algo si. Un produto feito por 20 persoas é dificil que compita con outros feitos por 100, 200 ou 300. Un xornal depende non soamente da calidade individual dos profesionais que o fan, senón de que haxa un cadro de persoal bastante que a garanta en conxunto.
- Calquera sector industrial depende das axudas públicas, como recordou Caetano Díaz. En Galicia, a automoción obtén 5.700 €/ano por cada emprego, mentres a industria cultural recibe 625 € (vía @cequelinhos).
- Descoñezo as cifras de venda de Galicia Hoxe, pero chámame a atención que a Xunta se permita regalar suscricións (a colexios e a outras entidades) de xornais editados fóra de Galicia, por razóns de proximidade de liña editorial, e non de cabeceiras editadas aquí.
- Descoñezo as cifras económicas do Grupo Correo Gallego, pero éme difícil de creer que perdese moito máis Galicia Hoxe que a radio ou a televisión. É dicir: non sei se as razóns de que pechase o xornal foron puramente económicas ou tivo algo que ver a desafección cara o poder do xornal.
- Chámame a atención a desafección dunha parte importante do público consumidor/demandante de produtos en galego cara boa parte deses produtos. A maiores do apuntado en 1., non teño outra que supoñer que tamén é por razóns de tipo ideolóxico, e/ou de reticencias cara a súa propiedade.
Si nos representan, desgraciadamente
Sendo un chisco máis paranoico do normal, a veces parece que as cousas serias neste país acontecen para que se convirtan en espectáculos. Sendo simplemente normal, o que parece é que as cousas serias neste país acaban convertíndose en espectáculo porque aos que deciden qué menú se lle dá a xente lles interesa, ou porque non teñen máis cabeza. Pasa co do 15M. O dos indignados é un fenómeno inédito e inaudito que, con acertos e erros, pretende situar o debate social no que realmente importa: o sistema de representación política, as leis que regulan a economía, o traballo, a vivenda. A vida de todos e cada un, en resumo, e non as expectativas laborais de Zapatero e Rajoy e os seus respectivos e numerosos equipos. Pero a maioría dos que confeccionan o menú mediático, igual que os idiotas aos que lle sinalan a lúa e miran para o dedo, do que se ocupan é de se acampan ou circulan, de se son violentos ou airados.
Haití e a neve
Non querería facer demagoxia sobre as consecuencias das forzas da natureza aquí e en Haití. O temporal de frío no que andamos eses días pasados e o terremoto que arrasou o país caribeño. Non querería comparar en concreto as consecuencias de cada fenómeno, senón o tratamento mediático que recibiu cada un. Non querería pero non vou ter outra que facelo. Porque desde o temporal teño, ademais da friaxe nos pés que é herdanza paterna, a cabeza quente por como se poden facer informativos monográficos sobre que neva. E porque a inmensa desgraza de Haití non contribúe a que teña mellor opinión do que se informa, ou mellor de cómo se informa. Así que non me teñan en conta. É un desafogo.



