Arquivo do tag ‘Michelle Obama’
Michelle Obama e a caspa
Por moitas jeremiadas que proclamen determinados predicadores, ou Rajoy cando se pon estupendo, o drama real de España, e non outro, é que a pouco que rasques, sae a caspa. A cousa vén de vello e reactualízase permanentemente, e se non, pensen no circo Michelle Obama. Durante a segunda metade do século XX, mentres no mundo civilizado, particularmente en Europa, se formaba a primeira sociedade na que as vantaxes da modernidade, incluída a cultura, se poñían ao alcance da maioría, España era un cuartel no que, como moito, unha parte da poboación tiña pase pernocta. Por aí fóra xurdían os Beatles, o pop, o rock, o Mini e o chamado amor libre (as relacións sexuais entre adultos sen máis requilorios que o mutuo acordo). Aquí había que agardar meses por un 600, Mi jaca e Soy minero campaban en todas as radios durante anos e o único reto de apareamento permitido eran os paseos pola na rúa, na que as mulleres ían por un lado e os homes por outro. Os turistas que, aos poucos, foron vindo, máis que unha viaxe física acometían unha viaxe no tempo.


