si home si

"É unha pena que a estupidez non doa" (Anton LaVey)

Arquivo do tag ‘Rajoy’

A banqueta de Rajoy

un comentario

СВЕТИ ГЕОРГИ“Nesta lexislatura hai a oportunidade e a ocasión de endereitar moitas cousas en España, e para iso o Goberno ten que ser firme e a oposición responsable”. Esta foi, máis ou menos, a análise do que nos espera que fixo o outro día nunha conferencia Magis Iglesias, unha das poucas persoas que coñezo que deu chegado ao cimo da escaleira profesional sen que lle afectara o mal de altura. O que si recordo é que, entre os motivos para esperar que Mariano Rajoy aproveite esta oportunidade, mencionou a solidez profesional e política de tres ministros: Alberto Ruiz-Gallardón, Jorge Fernández Díaz e José Manuel García-Margallo. Mencionouno alí e argumentouno despois nunha desas ceas que é unha pena que acaben, cando lle confesei a miña estrañeza na decisión do presidente de poñer as tres patas da banqueta na que está subido en áreas como Xustiza, Interior e Asuntos Exteriores. O seu coñecemento do que pasa nas alturas da política e o seu trato cos que alí habitan son tan sólidos como a miña ignorancia sobre eses sitios e esa xente, así que nin llo discutín entón nin llo discuto agora, simplemente me dá a impresión de que os primeiros pasos dalgunha das patas da banqueta están a defraudar esas expectativas.

Escrito por sihomesi

1 de Febreiro, 2012 ás 9:55 p.m.

Non deixes que o texto orixinal che foda un prexuízo

5 comentarios

 

 

 

 

 

 

 

 

Para adiantar o traballo do 21N, os xornais publican perfís de Mariano Rajoy. E The Guardian non ía ser menos: veleiquí o traballo do seu correspondente en Madrid, Giles Tremlett, publicado o venres 11 de novembro. Como o que diga The Guardian é importante, e a maiores, facendo unha recensión dun traballo alleo tamén se enche, o día seguinte 20 minutos recolle e interpreta o perfil:

‘The Guardian’ afirma que Rajoy tendrá que ser menos gallego para sacar a España de la crisis

Non fai falta ser licenciado en Filoloxía inglesa, mesmo chega con botar man do tradutor de Google, para comprobar que Tremlett asegura que Rajoy é un mestre da ambigüidade, fai referencia a que provén dunha terra antiga e empapada pola chuvia e remata dicindo que o futuro presidente terá que botar man dun estereotipo que se lle atribúe a algúns galegos, a habilidade de facer unha cousa e convencer á xente de que fai a contraria. A interpretación -anónima, porque vén sen sinatura- de 20 minutos é exactamente a contraria. Onde Tremlett di que Rajoy terá que usar as súas mañas galaicas de enganar á xente (en menos bonito, iso é o que di), o recensionador anónimo faino emplazar ao presidente do PP (de momento) a que sexa menos galego, é dicir, menos ambiguo. Ao ler «ambigüidade», que enThe Guardian é una característica persoal de Rajoy, non dos galegos, o de 20minutos desenfunda o tópico e dispara para o lado contrario.

Enténdaseme. Non me molestan especialmente os tópicos. Teñen máis ancoraxe na realidade ca os discursos políticos. E, como galego, mesmo prefiro que me cualifiquen tribalmente diso que fóra chaman ambiguo que de saber enganar. O que me molesta é o xornalismo desganado.

Escrito por sihomesi

13 de Novembro, 2011 ás 2:05 p.m.

Os espíritos da contradición

sen comentarios

“Se se mira nun espello, non se recoñece”, dise para referirse a calquera que vai de algo cando é o contrario. Pois a min paréceme que a xente ilustre (entendo por ilustre calquera que fala nos titulares) cando se mira nun espello, ten que conter o impulso de darlle a man a ese descoñecido que ten diante. Non sei se será pola necesidade de enchelos o máis posible eses titulares, ou que os micrófonos afectan ao que se lle pon diante (eu estiven varios anos detrás e non noto nada), pero calquera declaración/titular/actitude que collan de calquera é contraria á outra anterior, se alguén se molesta en comprobalo, ou se fía de min.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

16 de Setembro, 2010 ás 7:39 p.m.

1, 2, 3… reforme outra vez

un comentario

Non son precisamente un experto no mercado laboral, fóra da miña experiencia persoal e de varias alleas, e dalgunhas lecturas pilladas de aquí e de acolá. Pero xa o imaxinan e se soamente lles escribise do que son máis ou menos experto, seguramente os aburriría. Así que permítanme que comparta con vostedes as miñas dúbidas sobre a reforma laboral na que estamos inmersos, e tamén unha intuición: a tal reforma parécese moito ao mítico concurso de Televisión Española e da televisión española, que reinou nas pantallas de 1972 a 2004: Un, dos, tres… responda otra vez.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

7 de Agosto, 2010 ás 9:11 a.m.

Os cuñados da patria

4 comentarios

Permítanme un desafogo persoal. Cada estou máis desanimado cando me vexo na obriga moral de comentarlles cousas que considero que debe comentarlles. Falo dos debates parlamentarios cruciais e decisivos para o estado da nación ganadora da Copa Mundial de Fútbol. E aos protagonistas, pese a que no envite lles vai algo aínda máis que o soldo, tampouco é que se lles vexa moi animados, tal e como se comportan nel. Sinceramente, dos debates dos que levo falado –non vou ser tan hipócrita como para dicir que aturado- non vin outro tan comentado, e que tan decepcionados deixou aos que o seguiron.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

21 de Xullo, 2010 ás 12:15 p.m.

Nada de pactos

un comentario

Miren que levo tempo afrontando resignada e gallardamente ese formato de loita libre parlamentaria que son as porfías entre presidente do Goberno e líder da oposición, e cada vez estou máis convencido de que son ao debate político máis ou menos o que as películas de Jean Claude Van Damme ao cine de acción: que tamén haxa moita labazada non quita que as interpretación sexan discretas tirando a malas e que a trama sexa máis que  previsible. E iso que, desta vez, o macht ía de algo de importancia vital e xeral: a crise económica e como saír dela. Como intuïamos todos, a cousa rematou sen unha conclusión clara, quitado a de que a Zapatero interésalle ter algún socio como burro dos paus e Rajoy non lle interesa nada que non sexa a rendición incondicional. Dise que dous non pelexan se un non quere, pero tamén que para bailar fan falta dous (ou polo menos debíase dicir cando o apoxeo do baile agarrado).

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

24 de Febreiro, 2010 ás 8:03 p.m.

Qui va piano, va lontano

4 comentarios

O primeiro síntoma de facerse maior é darse conta interiormente de que os pais tiñan razón en máis ocasións das que nos gustaría admitir publicamente. Por exemplo, naquilo de que era mellor pensar as cousas dúas veces antes de facelas. Nesta semana vin dous casos que demostraban a eficacia daquel consello contra o impulsividade xuvenil. Un, os nomeamentos do último consello da Xunta. O outro, o debate do estado da nación.

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

16 de Maio, 2009 ás 6:04 p.m.

O espectador 3: Se hoxe é martes, isto é Lugo

sen comentarios

A chegada masiva dos paracaidistas (non me veñan cos parachutistas, que vén do francés) á batalla de Galicia

Escrito por sihomesi

15 de Febreiro, 2009 ás 11:29 a.m.

Como Madrid, nada

6 comentarios

Ás veces, poucas pero veces, non sei se fixen ben non quedándome a vivir en Madrid. Claro que desde que residín alí ata agora producíronse fenómenos fondamente desagradables como a pobreza e a marxinalidade extremas ou Esperanza Aguirre, pero un a un, os madrileños son agradables, e as cañas están ben tiradas -aínda que non sexan Estrella- e algunha que outra cousa. Pero sobre todo, miren que o pasan ben agora en Madrid os do meu gremio. Por exemplo, o caso de Sor Maravillas, ou Santa María Maravillas, virxe, que é o nome canónico (e que por certo, parécese un pouco a Zaplana).

Lee o resto deste post »

Escrito por sihomesi

23 de Novembro, 2008 ás 6:34 p.m.

Paco, o ideólogo

sen comentarios

A contribución de Paco Vázquez á ciencia política, en concreto a máis recente sobre benegoloxía está xa a crear escola. Interrogado Mariano Rajoy onte (en pleno santuario da praza de María Pita) sobre a doctrina vazquiana, largou máis ou menos:
- Estoy de acuerdo con mi amigo Paco Vázquez en que el BNG es como Batasuna, y lo que tendrían que aclarar Touriño y Vázquez en una rueda de prensa es si van a pactar con lo que ellos consideran Batasuna, y si les van a dar responsabilidades en economía o en educación, con las consecuencias que ello tendría-

-¿Cree entonces que debería ilegalizarse al BNG? -inqueriu un xornalista
-¿Cómo? -mandou repetir o presidente do PP, coa vella táctica do alumno que quere ganar tempo.
-Que si debería declararse ilegal al Bloque
-Ah, no sé, pregúntenle a Paco Vázquez.

Escrito por sihomesi

11 de Xuño, 2005 ás 2:34 p.m.

Switch to our mobile site