Arquivo do tag ‘recortes sociais’
Os roubados
Hai noticias que non podo ler ou escoitar sen que me trema o pulso. Unha, a deses nenos roubados ás súas nais e pais nos hospitais para ser vendidos. Hai 261 denuncias na Fiscalía Xeral do Estado, pero cantos casos habería en realidade, porque foi unha práctica constante, en hospitais de toda España, durante 40 anos. Primeiro eran os fillos das republicanas, e cando se soubo, pasou ao saco ese de que “es mejor olvidar todo eso”. Logo fixérono a quen lle tocara. Cadeas que sempre empezaban polo médico que enganaba á nai e remataban por un cura ou unha monxa que lle entregaban o bebé aos novos pais. Cadeas nas que participaban comadroas, enfermeiras, empregados de funeraria, notarios…, convenientemente engraxadas polo cobro de 50.000 pesetas dos anos 50 ata un millón mediados os 80 por cada neno. O prezo dun piso. “No se preocupe. Métalo en el maletero, y si se muere, lo tira y le damos rápidamente una niña”, dixéronlle á compradora dun bebé delicado de saúde os empregados dun hospital.
Os anos que vivimos estupendamente?
Agora vai resultar que os vellos tiñan razón. Os vellos aqueles que rosmaban que este non era xeito de vivir, e que así non se podía seguir. Os líderes europeos véñenlle dar a razón a aqueles predicadores apocalípticos que deseñaban un futuro de lume e cinza para a economía. Winston Churchill advertiu no seu día á cidadanía que chegaban tempos de sangue, suor e lágrimas. O seu sucesor, David Cameron, prometeu o mesmo e aforrou unicamente o sangue. Vivimos por riba das nosas posibilidades todos, incluído eu, a pesar dos consellos paternos de nunca deixar a deber nin comprar a prazos. Vale. Pero despois de facer os sacrificios que nos piden e os que nos impoñen, alguén nos pode asegurar que xa está? Non vai pasar outra vez iso de que o incendio provocado porque a Macroeconomía andou xogando con lume acabe carbonizando a nosa Microeconomía? Temo que non.


