Arquivo do tag ‘turismo de masas’
Como tirar proveito dos incendios
Unha vez, en New York, leváronme a un restaurante de Little Italy do que se dicía que era da Mafia, ou que o frecuentaran ou frecuentaban mafiosos. A verdade é que, estreito, coas mesas de formica e o piso de baldosa hidráulica, o que me recordaba era aos bares de cando era rapaz, e o feito de que os camareiros fosen distantes e despegados, aos que coñecín cando era estudante, en Compostela ou Madrid. Pero o caso é que aquela sona de lugar criptomafioso de seguro que non lle viña mal desde o punto de vista do negocio. É que das desgrazas e da cara negativa da existencia sempre se pode sacar algo positivo, como comproban os programadores de reality shows e o propietario daquela atracción festeira ao que se lle quedaron uns clientes papo abaixo durante media hora na Coruña, e cando reiniciou o seu periplo, foi atopando clientes que lle pedían que os deixase pendurados dos pés, para ver que se sentía. Tamén houbo xente, de mariñeiros a promotores inmobiliarios, que sacaron rendibilidade da catástrofe do Prestige. Así que, por que non tentar tirarlle algo de proveito á lacra dos incendios forestais?


