Arquivo do tag ‘UE’
Os anos que vivimos estupendamente?
Agora vai resultar que os vellos tiñan razón. Os vellos aqueles que rosmaban que este non era xeito de vivir, e que así non se podía seguir. Os líderes europeos véñenlle dar a razón a aqueles predicadores apocalípticos que deseñaban un futuro de lume e cinza para a economía. Winston Churchill advertiu no seu día á cidadanía que chegaban tempos de sangue, suor e lágrimas. O seu sucesor, David Cameron, prometeu o mesmo e aforrou unicamente o sangue. Vivimos por riba das nosas posibilidades todos, incluído eu, a pesar dos consellos paternos de nunca deixar a deber nin comprar a prazos. Vale. Pero despois de facer os sacrificios que nos piden e os que nos impoñen, alguén nos pode asegurar que xa está? Non vai pasar outra vez iso de que o incendio provocado porque a Macroeconomía andou xogando con lume acabe carbonizando a nosa Microeconomía? Temo que non.
Viaxar ilustra
Hai unha chea de anos fun aos Países Baixos, sector Holanda, representando a este periódico nunha viaxe oficial organizada para que un grupo de gandeiros visen os adiantos do ramo. Sorprendeume ver que os gandeiros coñecían de sobra os adiantos. Agora acabo de chegar dos outros Países Baixos, de Bélxica, dunha viaxe oficiosa con bloggers (esa xente á que lle dá por contar en internet o que lle pasa) e penso que sacamos en Bruxelas conclusións moi parecidas ás que sacaban os gandeiros en Amsterdam. Que na xeografía e en autoestima podemos estar no cabo do mundo, pero en cuestións como as vacas (entón) e as novas tecnoloxías (agora) estamos perfectamente ao día.



