Arquivo do tag ‘xustiza’
O médico de Michael Jackson
Agora que condenaron ao médico de Michael Jackson, aproveito para postear unha columna que escribín cando comezou o xuízo, con aquela exhibición oportunista e degradante da foto do víctima xa cadáver. E falando de fotos, esta revela claramente como a solidariedade cos mortos nos casos mediáticos é en boa parte un ansia de protagonismo (xente que sorrí encantada mentres teoricamente denuncia un crime) e quizais tamén a progresiva tendencia dos fotógrafos de prensa polo «posado teledirixido».
Fotos que podiamos aforrar ver
Teño cara a xustiza norteamericana as mesmas prevencións que cara a comida norteamericana, aínda que soamente coñezo as dúas por referencias (ben, da comida teño algo máis ca referencias). O que sei delas non me acaba de convencer, pero non sei ata que punto teño unha visión condicionada polos meus prexuízos eurocéntricos e noroestepeninsulares (ser un comedor de caldo e un consumidor de cocido, vamos, se falamos da comida).
Por exemplo, xa me parecera incongruente que, pese a todas as evidencias e contra toda lóxica, menos a xudicial, O.J.Simpson saíra absolto do asasinato da súa ex muller e do seu amante nun xuízo penal, e logo condenado polo civil a indemnizar aos parentes. Tamén pasa aquí, dirán, en casos como os de neglixencia médica, nos que hai diferenzas entre a culpa penal e a culpa civil. Xa, pero unha cousa é establecer o nivel de culpa dun profesional sanitario ao que lle morreu ou lle quedou tocado un paciente por unha presunta mala praxe, e outra andar a tiros, aínda que os resultados podan ser os mesmos. Tamén me choca a exhibición de pre-culpabilidade nos Estados Unidos, ese airear as detencións e os detidos, esposados e enfurgonados, sobre todo cando logo resultan non ser culpables, como pasou con Dominique Strauss-Kahn. (Aínda que neste caso, a miña opinión moi persoal é que polo menos tivo ese castigo por unha conduta que, fose ou non delictiva, boa non é).
Se lles importuno coas miñas prevencións e prexuízos é a conto do comezo da vista oral pola morte de Michael Jackson que, seguindo as normas da promoción mediática, comezou cun elemento de impacto extremo: a difusión, por parte do fiscal, dunha foto de Jackson morto. En realidade foron dúas fotos, a composición clásica de antes/despois. Unha na que aparece en pleno frenesí creativo, horas antes de morrer e outra despois, morto. Como dicimos os xornalistas cando nos dá por pensar no que facemos: que aporta esa imaxe? Quitado que se lle vira un coitelo espetado no peito, ou calquera outro sutil indicio de que as cousas non son como nos parecían que eran, nada. Como moito, que Michael Jackson morreu, circunstancia que se pode confirmar con métodos ben máis fiables que a fotografía, e que ademais neste caso podemos dala por suposta, xa que é a razón de que se celebre o xuízo. É máis, sabemos de que morreu, e o que se pretende aclarar no xuízo é se o médico foi neglixente ou non, se fixo todo o posible por salvalo, ou fixo todo o que puido por agachar indicios.
O acusado, o tal doutor Murray, era como eses médicos que aparecían nos clásicos da novela negra que frecuentaban os lugares de ambiente de Hollywood cun maletín no que levaban o que os seus clientes precisaban para non rozarse demasiado coa realidade. Parece ser que Murray cobraba do autor de Thriller uns 150.000 dólares mensuais, que a min paréceme moito cobrar, pero non estou ao tanto dos prezos de mercado de médico de cabeceira nos Estados Unidos. Non lle debía quedar moita ganancia, ou non era aforrador, porque parece que ten a defensa que ten porque non pode pagar un avogado mellor, e ben que o necesitaría se o representante do ministerio público empeza a batalla con munición dese calibre. E aínda lle quedan balas como facer declarar aos fillos do falecido (o maior de 14 anos, xa dixo que estaba ansioso de facelo). Todo, sendo cínicos, para que como moito lle poidan caer 4 anos de cárcere ao acusado. Teño todas as reticencias que queiran sobre a xustiza norteamericana, pero daría algo por ver a que montarían cun caso como o Gürtel.
(La Opinión de A Coruña, 1 de outubro de 2011)
Almorzo xudicial con cruasán
Veño de almorzar nun deses bares cheos de bancarios ou axentes comerciais que se tentan impresionar uns a outros con relatos de grandes transaccións, e de obreiros ou camioneiros que leen silenciosamente o café con copa e sorben o periódico que queda a man. Por riba de todo, e non só fisicamente, na tele está unha presentadora que identifico como unha loura con aspecto resolto e voz de garda civil (masculino) que frecuenta nos espazos publicitarios a profesionais que desenvolven o seu traballo á intemperie, para comprobar que toman un iogur que os protexe como se fose de goretex. A presentadora-dominatrix e os seus contertulios falan, ou máis ben cérnense, sobre un tema de moda: “En España con los delincuentes somos unos blandos”.
O esperpento de Garzón
Prefiro dicilo de entrada, para que saiban a que aterse: non teño unha especial predilección polo xuíz Garzón. Tampouco é que o teña enfilado, claro. Pásame con el o mesmo que me pasou con Victoria Abril: que nin tan boa me pintaba cando dicían que tan boa era, nin tan necia me pareceu cando se evidenciou que un pouco rallante si que era. Pero a que lle teñen preparada (a Garzón, non a Victoria Abril), ou na que o meteron, é como para pedir calquera outro pasaporte da UE (quitado o italiano, evidentemente), á espera de que, despois de que España entrara nas institucións europeas, Europa entre por fin nas institucións españolas.
Vidas xudiciais paralelas
Hai anos, levei a prisión a un mozo. Quero dicir que o acompañei nun taxi para poder contar a súa historia e os seus últimos momentos en liberdade. Acordeime del cando lin que o presidente de Telefónica, César Alierta e o seu sobriño foron absoltos pola Audiencia Provincial de Madrid porque, aínda cometendo o delito de usar información privilexiada, xa prescribira. O meu compañeiro de taxi, M.J.G., tiña 25 anos, e roubara dúas botellas de whisky había sete, cando era toxicómano e acababa de estrear a maioría de idade. Alierta cometera o seu delito, do que sacou un beneficio de 1,86 millóns de euros hai 11 anos, cando presidía Tabacalera.


