Carme Adán fai tamén unha comparación entre “grande” e “pequeno” que, como pasaba en Barrio Sésamo, ilustra perfectamente as diferencias: grande é a Ponte de Rande, pequeno é a peaxe que hai que pagar para usala. Grandes son a concentración que se regalou Fraga no Monte do Gozo (¿nun Pozo?) e o desfile de uniformados con contrato temporal que se mandaron na Coruña o dúo patriótico Paco-Bono. Paco Vázquez, como sempre capaz de repicar e ir á vez na procesión, fala tamén do pequeno: se o PP perde, partirá en dous, e a río revolto, ganancia de pescadores. O PSdG podería ver de pactar co Partido Popular Verdadeiro, ou co Partido Popular das Terras Altas. Claro que daquela tamén poderían xurdir no socialismo o PSdS (Partido Socialista de Sempre) e o PSAE (Partido Sólo Alianzas Exquisitas). O BNG quedaría como sempre, como os pementos de Padrón: uns picados e outros non.