Etiquetas

Aseguran os que saben, ou ós que lle supón que saben, que a campaña decidirase nos medios audiovisuais, máis que nos escritos. Véñeno asegurando, de feito, desde que Kennedy lle ganou a Nixon en milnovecentosesenta e tantos, como se o electorado en conxunto como tal, como animal de compañía, necesitara da televisión para escoller entre aqueles dous. 40 anos despois, tal novidade chega a Galicia, e os que gobernan nas mensaxes electorais non son os ideólogos individuais, nin eses pensadores colectivos chamados think tanks, senón os consultings de marketing, os autodenominados grupos de comunicación (as axencias de publicidade de toda a vida). Esta xente, chámese como se chame, son os que argallaron que nesta campaña se lle facilitaran ás televisións as imaxes dos mitins, que chegan por satélite ás redaccións. E as televisións, evidentemente, eternamente agradecidas polo aforro de traballo e de gasto.

O malo é que non hai nada de balde. No que se chama sinal realizada, cada un mete o que quere. Por exemplo, o PP afórralle ós espectadores os percorridos abaneantes pero decididos de Manuel Fraga camiño do micrófono. O candidato Fraga aparece sentado ou parado, e logo por milagre catódico (o que no cine chaman elipse narrativa) reaparece disposto xa no atril, igual que un santo na peana. Como se ademais de dar por sentado que o presidente presidenciable está mentalmente coma un buxo, nos quixeran demostrar que se manexa fisicamente coa prestancia de Djukic sacando o balón xogado desde a área grande.

Nesta situación, pretender obter imaxes propias está tan mal visto como rexeitarlle a Don Corleone unha oferta desas que non se poden rexeitar, e os desagradecidos equipos que pretenden mirarlle os dentes a eses cabalos regalados, saen a discusión diaria para poder gravar o que queren. Tamén as imaxes que se transmiten graciosamente dos mitins socialistas están cheas de fundidos (das multitudes abandeiradas ós candidatos sorrintes) que duran unha eternidade, polo que é un traballo ímprobo dar feito unha información sen caer na estética do videoclip. A escaseza de medios da campaña nacionalista fai que nos actos do BNG os candidatos saian arrubiados, como se acabasen de almorzar a base de touciño, que queda moi étnico pero pouco electoral.

En definitiva, o barato sae caro, non soamente para os electores, senón para as propias opcións retransmitidas. Se a información electoral, ademais de pouco amena, se vai parecendo ós anuncios de coches, non lle vexo moito futuro como elemento persuasor. E tamén é malo para os medios, porque estas técnicas de subministro controlado e unidireccional da información xa se utilizaron na Guerra do Golfo. Daquela colaron. Despois a xente fiouse de internet.