O que sempre me gustou do Himno Galego é que, fóra do habitual nesas composicións que adoitan exaltar o ardor guerreiro propio e ofrecer unhas labazadas ós alleos que se poñan por diante, se dedique a facer unha chea de preguntas sobre as cuestións que preocupan ós pinos e outros seres vexetais. Pero ultimamente vénme máis á cabeza esa fragmento da terceira estrofa, cando o poeta ou o pobo ou quen sexa se pon faltón e sentencia que “mais sóo os iñorantes/e féridos e duros,/imbéciles e escuros/non nos entenden, non”. Porque mira que hai imbéciles ós que non nos entender nada non lles impide depositar sentencias.

Falo desa caterva de columnistas e tertulianos que se sacuden a desgana de opinar sobre que está pasando aquí soltando co seu indiscutible inxenio habitual os tópicos ignorantes que xa satirizara Wenceslao Fernández Flórez vai para case un século. Ou os redactores de informativos das cadeas privadas, que afeitos a vender espectáculo disfrazado de información, elaboran crónicas políticas sobre as eleccións galegas co mesmo rigor que analizan os ingresos hospitalarios de Belén Esteban, e coa mesma claridade de ideas e finura de conceptos que se lles redactara o texto o taxista que os leva a San Sebastián de los Reyes. E non establezo diferencias apreciables entre as posturas progresistas e as cavernarias. Os primeiros contéñense para non chamarnos trogloditas (no caso de Juan José Millás, conténse pouco) e os segundos –ultimamente pouco afeitos a conterse – non se recatan en nada máis que en dubidar se cuestionar radicalmente os resultados ou en se botarlle a culpa a Zapatero e/ou a Carod Rovira tanto da campaña como dese voto emigrante que acaban de descubrir e do que desconfían agora con tantas razóns como tiña Santiago Bernabeu (o presidente, non o estadio) para queixarse dos árbitros.

Tanto a uns como a outros habería que recordarlles algunhas situacións políticas absolutamente patéticas sobre as que non recordo tanta soltura opinativa. En cuestión de prácticas de poucas trazas democráticas, recordo as curiosas alianzas andaluzas do PP coa Yakuza de Gil y Gil, por non falar do espectáculo uzbeko das últimas eleccións á Asemblea de Madrid. Ou que a presidencia da Comunidade Valenciana estivo ocupada unha chea de tempo (todo o que quixo, ata que o fixeron ministro e saíu alegremente por patas deixándolle o tinglado a un que estaba por alí) por un prócer como Eduardo Zaplana. Sinceramente, ó seu lado, non só Manuel Fraga é Winston Churchill, senón que Alberto Núñez Feijoo é John F. Kennedy e Xosé Manuel Barreiro, Al Gore. Xa metidos en comparacións odiosas, Manuela López Besteiro é Hillary Clinton ó lado de Esperanza Aguirre. E Xesús Palmou reviste o cargo de secretario xeral co empaque de Kofi Annan se o comparamos co desempeño que fai del Acebes. E creo recordar que na moi cosmopolita e urbana cidade de Madrid houbo un alcalde chamado Álvarez del Manzano co que se metían o xusto, cando era como se o cura Don Felisindo ese que pastorea Verín rexera o concello de Santiago. A ver se hoxe remata o reconto, e con el a matraca que nos están dando.

(para luns 27 de xuño de 05)