Xa teño a colección case completa de presencias en feitos históricos. Vin a chegada do home á Lúa (pola tele, claro, pero é que era un rapaciño). Asistín ó naufraxio do Cason, do Mar Exeo, do Prestige¸ e ó penalti de Djukic. Vivín o título de Liga. E antonte asistín ó reconto dos votos dos emigrantes na Audiencia da Coruña. En canto deixe de ter que meter o tempo libre en encher as columnas estas, penso escribir as miñas memorias (sexan previsores e vaian reservando o seu exemplar).

Alguén pode pensar que a verdadeira experiencia vital sería asistir ó reconto de Pontevedra, que foi o que determinou a primeira victoria electoral da esquerda, ou máis exactamente, o primeiro Goberno galego progresista xurdido dunhas eleccións. Pois non, porque a tal victoria produciuse hai dous domingos, e os recontos de antonte non cambiaron nada, nin o de Pontevedra nin o da Coruña. Ben, algo cambiaron. Eu antes estaba en contra do voto emigrante, e agora non o sei.
Non é que estivera exactamente en contra. Estaba e estou en contra do sistema de votación, que é unha absoluta chapuza, como sabe todo o mundo. Estaba e estou en contra de que xente que nin siquera naceu aquí poda decidir o goberno de sitios con problemas de urbanismo salvaxe que os seus pais deixaron cando nin había luz eléctrica. E se -como debería ser e como prometeron todos os que foron por aí facer campaña- se lle dá a cidadanía ós netos dos emigrantes, podémonos atopar conque o famoso CERA sube do medio millón de xentes, e chegar ó absurdo de que en Galicia habería máis electores que habitantes (como xa pasa en moitos concellos). En Italia votan ata os bisnetos, pero nunha circunscrición única, que elixe un par de deputados ou senadores-, en Gran Bretaña calquera cidadán perde o dereito a votar se reside fóra 15 anos, e en Irlanda, onde hai dez veces máis emigrantes que cidadáns, directamente non votan. Está moi ben outorgar o dereito a votar, pero seguro que agradecerían máis outros como a sanidade universal.

Pero, como decía, despois da experiencia, estou a favor. Polo menos a favor do escrutinio. Nunca vin tal ambiente de camaradería entre funcionarios, apoderados, informáticos, xornalistas e maxistrados, todos abrindo sobres en unión. Está a emoción de ver como hai xente que considera que se lle poden confiar os seus problemas a un sobre oficial, pero tamén como outros non se recatan en comunicar a quen corresponda que “o boi é de onde pace e non de onde nace, y yo no invierto en Galicia, ni dinero ni emociones, porque no aguanto la mentalidad de la gente cuando vuelvo”. E logo o reconto en si, con todos tomando notas nun ambiente electrizado que recorda o dos apostadores de cabalos das películas. Tan electrizado que estiven a punto de ser detido a instancias dunha señora de moito mando, non sei se apoderada ou interesada, que considerou que gravar algúns deses envíos era unha intromisión na intimidade dos remitentes. Por un momento, pensei que pola miña culpa había que repetir as eleccións, e acordeime de Djukic.

Advertisements