Xa tiña despedido o tema, porque estou tan farto de sachar nel como o estarán vostedes de lelo. O das eleccións. Apetecíame escribir deses atentados legais pero ilexítimos que se están a cometer contra os grandes valores humanos, do burato fiscal que outras leis están abrindo para as grandes fortunas, e outros asuntos así de enormes. Pero non dou. Estou absolutamente encasquillado.

Como nas películas americanas nas que un tipo se convertiu nun tolo homicida cunha macheta porque seu pai de noite non o arroupaba e de día non o levaba a pescar, eu estou bloqueado por uns recordos que me tupen o libre discurrir mental. Por exemplo, aquel chamamento que fixo hai días Enrique López Veiga ó PSdeG pedindo que reconsiderase a súa política de alianzas, argumentando que os socialistas tiñan máis puntos en común co PP que co BNG, e que en último extremo, o electorado galego votara fundamentalmente contra o nacionalismo. Tiña as declaracións atravesadas na cabeza como un óso de polo na gorxa, en primeiro lugar porque non me cadraba o autor (eu sempre tiven ó conselleiro de Pesca en funcións por un tipo sensato), nin a teoría (non escoito eso do españolismo/nacionalismo como contradicción principal desde que cortei a melena) nin a práctica (¿estaba suxerindo López Veiga que o PP podería apoiar a Touriño como presidente?, ¿propoñéndolle ós socialistas que propiciaran a reelección de Fraga?).
O segundo óso era o comportamento de Trillo, Federico Trillo. Primeiro a petición da tropa xurista que el comandaba de que se aceptaran como válidos os sobres do voto emigrante nos que non figuraba a data de saída do país de orixe. A propia web sobre as eleccións feita pola Consellería de Presidencia aclara: “É indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre no cal se envían un mataselos (ou outra inscrición oficial de correos ou do consulado) no que se certifique a data en que se fixo o envío”. Se a un plumilla que non distingue unha sentencia dun auto, élle tan doado consultar a normativa, ¿en que tiña a cabeza ocupada todo un ex presidente do Parlamento e ex ministro de Defensa? (ademais, a web ten versión en español). E logo, cando alguén o debeu poñer ó tanto da lei electoral, aquelas súas declaracións de que “yo ya advertí a mi partido que debería gobernar la lista más votada” ¿era unha crítica ó PP porque non cambiou o sistema electoral proporcional que establece a Constitución polo maioritario cando estaba no Goberno? Afortunadamente, todos eses traumas afloraron a saíron á luz gracias á purga de Rodríguez Ibarra. Ás súas declaracións de que “pueden decir [suponse que o BNG e o seu propio partido] que son nación, nacionalidad, país, estado o lo que sea, o marcianos, pero es mentira”, entre outras consideracións da mesma sutileza. Se un señor que non repara en que é presidente dunha autonomía e non dunha deputación gracias ás reivindicacións que uns marcianos levan facendo desde hai tempo, por que a un columnista lle teñen por que afectar as burradas que escoita.

(para xoves, 30 de xuño de 05)