Etiquetas

Estarán xa ó tanto do singapurazo. En sóubeno pasada a unha da tarde polo desolado comentario duns madrileños, ou máis exactamente da banda madrileña dunha familia tudense, cando aparcaban xusto ó lado nos arredores da Fortaleza de Valença do Minho. No pudo ser, que din tan frecuente como pouco axeitadamente os informadores deportivos (porque ser, puido ser, o que pasou é que non foi). E como lles decía onte, xa se sabía que o de Madrid 2012 non ía ser, pero iso non quita que se lle dera ó bombo de que podería ser coa mesma aplicación e a mesma subvención que o famoso Manolo o do bombo. Así que, con ese espírito tan hispano do fair play, agora soamente queda ver a quen se lle bota a culpa do fracaso.

En primeiro lugar, acudindo ó non menos hispano espírito cainita, temos dous culpables: por un lado o goberno do Estado, e polo outro os gobernos locais. O Goberno de Zapatero, por non poñer dabondo a carne no asador ou por non suar a camiseta como debería, por seguir coa terminoloxía cheirento-deportiva. Se tivéramos unha influencia mundial como a que tiña o Goberno de Aznar, en ver de ser uns piernas como agora somos, había mandar truco para que nos tiraran abaixo a candidatura á primeira como nola tiraron. E os Gobernos municipal e rexional de Madrid, por levarse a matar entre eles.

Claro que, disparados mutuamente os primeiros tiros, sempre se pode apuntar conxuntamente a un culpable moito máis culpable: ETA, as súas bombas e as súas obras, encirrados sen dúbida para sacarse a espiña do fracaso de cando tentaran boicotear as Olimpíadas de Barcelona 92. E xa postos, algo de culpa terá un catalán, Mariscal, por diseñar esa trangallada de logotipo que houbo que poñer vertical, porque o horizontal orixinario non valía para nada. E xa se verá se hai algún galego ou descendente metido no COI que contribuíu á derrota.

Eu, con todo, síntoo moito por todos aqueles que fregaban as mans pensando nos fabulosos negocios de todo tipo –urbanísticos, recalificadores, mediáticos- que ían facer a costa do espírito olímpico. E transmítolle a miña felicitación ó resto do pobo madrileño, que se salvou de boa. Se xa agora está a cidade toda furada (alguén recordou estes días a frase que lle dedicou Danni de Vito hai anos: “espero que atopen o tesouro”), imaxinen como quedaría en pleno furor constructivo olímpico. E felicito de paso ó resto dos concidadáns, porque ultimamente estase perdendo non soamente o sentido da medida, senón tamén o da esaxeración: se houbo tal despliegue de medios e de esforzos na outra punta do mundo para relatar unha decisión que se supoñía ía ser negativa, imaxinen a que se podería armar se por riba concederan a Madrid a organización dos Xogos Olímpicos. Nestes sete anos, iamos ter os cinco aritos famosos ata na sopa.

(xoves, 7 de xullo de 05)