“Chamando de Londres ás cidades de fóra/ agora que se declara a guerra e que se achega a batalla/ Londres chamando ó submundo” cantaban -máis ou menos- The Clash, irá para hai un cuarto de século, cando se supoñía que a ameaza sobre as nosas cabezas era o “erro nuclear” que mencionaba a canción. O xoves pasado acababa de escoitar o disco en Monforte e acordeime del á hora de xantar, en Leiro, na beira do río Avia, porque na mesa do lado unha rapaza comía cuns auriculares postos. Escoitaba as primeiras informacións do atentado de Londres, onde tiña unha irmá estudiando.

Continuei a viaxe coa radio prendida. Escoitei a comparecencia pública da policía e quedei absolutamente sorprendido: cando lle preguntaron ó responsable da investigación se podía ser cousa do terrorismo islamista, respondeu primeiro que non se podía usar o binomio terrorismo-islamista porque, polo que sabía, o islam condenaba ese tipo de accións, e logo que naquel momento non se podía atribuír a autoría. Quedei sorprendido en primeiro lugar porque me acordei de que pronto e que teimudamente se atribuíu a autoría dos atentados do 11 de marzo en Madrid, e canto se tardou en cair da burra.

E en segundo pola delicadeza en separar os conceptos terrorismo/islamista. Unha cousa é adxectivar de terroristas a todos os islamistas, e outra negar que os principios e os obxectivos de Al Qaeda sexan islamistas. Que se saiba, non andan ó que andan para solucionar os problemas de África, nin para instaurar a dictadura do proletariado, senón para implantar unha versión delirante e absolutista dunha relixión concreta que é a musulmana. Poderase obxectar que ETA non representa á vontade da maioría dos vascos, nin ós seus intereses, pero ninguén pode obxectar que se lle chame ás súas accións “terrorismo vasco”.

Pero o que máis me chamou a atención foi o encefalograma plano e a caradura das reaccións dos líderes mundiais que estaban reunidos en Escocia, a poucos quilómetros da masacre, facendo o que George Bush chamou loitar contra a pobreza, a SIDA, o mal e o medio ambiente (neste último caso, a favor). Se os resultados desa loita dos oito países máis ricos e poderosos do mundo contra a pobreza e a SIDA e a favor do medio ambiente son os que son, xa nos podemos dar por amolados no que respecta ó que van conseguir loitando contra o terrorismo.

Afortunadamente, todos os boletíns informativos pechaban as informacións sobre os atentados debullando a reaccións das bolsas en todo o mundo, e concluíndo que non se viran afectadas apenas. O que a min me parecía en principio unha obscenidade, analizar os efectos dun atentado mediante as súas repercusións no mercado mundial de valores, nos efectos na cotización de Telefónica ou nas empresas do sector metalmecánico, resultou ser unha cruda evidencia: o das víctimas é unha pena, pero o mundo sigue xirando e a maiores agora hai máis argumentos para que siga xirando na dirección que interesa. A culpa é nosa por escoitar a radio.

(luns 11 de xullo de 05)