Un colega define a actual negociación (ou non negociación) PSdeG-BNG como un rito de apareamento. Hai que executar danzas, darse a valer, achegarse e reviravoltar, antes de acabar a cousa como todo o mundo sabe que vai acabar. Dentro do ritual, hai encontros supoño e desencontros. Un deles -sen quererlle facer a competencia ós confidenciais son as queixas do BNG porque Touriño despois da xuntanza do Hostal e dun xantar posterior, non descolgou o teléfono para chamar ó seu socio. Os socialistas argumentan que a aparente frialdade é para non estragar con liortas negociadoras unha relación persoal que terá que ser necesariamente estreita dentro dun mes.
A solución, como nas parellas a piques de formarse ou naquelas separadas educadamente podería estar en que Touriño e Quintana quedaran para outras cousas máis distendidas do duro trato negociador. Ir ó cine, personarse na rapa das bestas da Capelada, tomar uns vermús nunha terraza da Porta Faxeira, saudando ós paseantes. Esas cousas que reforzan a conexión coa que eles cahaman a sociedade civil, a xente normal, que apreciaría uns gobernantes cos que o trato non fose terse que apartar da carretera mentres a comitiva presidencial, unha santa compaña de coches negros, pasa a todo meter camiño de ningures.
(E ademais, haberá moita cousa que negociar, pero como di outro colega, o que a xente quere saber é se vai seguir Supermartes)

Advertisements