Vaian por diante as miñas desculpas ós hosteleiros (especialmente ós propietarios de chiringuitos de praia, de merendeiros con parra ou canizo e de bares con terraza e toldo), ás axencias de viaxes, ós que alugan pisos de tempada e ós que rexentan establecementos de todoacien especializados en trangallada náutica. Tamén ós cantantes e discográficas de tendencia caribeña, ós programadores de shows televisivos de verán e ós anunciantes en xeral, que nesta época non necesitan escusas para usar corpos perfectos para vender productos que non o son tanto. E por suposto, a todos aqueles que nesta época fregan as mans con entusiasmo mentres invocan mantras tipo “¡playita-playita!” ou “¡veranito-veranito!”, pídolles perdoncito-perdoncito, igual que ós/ás que agardan con impaciencia esta época do ano para alegrar a vista/o. Xa sei que non debería poñerme así, pero non hai cristiano que ature este calor. Dígoo tal como o sinto (ou non, porque o sinto dunha maneira que non é correcto poñela por escrito nun papel que pode caer en mans infantís).

A pesar de que os meus principios programáticos son outros, non me doen prendas en recoñecer que o verán e o calor teñen aspectos positivos. Aforro detallalos porque vostedes xa os coñecen e ademais non podería competir co entusiasmo que poñen en destacalos desde a publicidade en xeral ata calquera parente ou semidescoñecido concreto a quen llos poñas en cuestión ou te atrevas a comentarlles: “ben podían caer catro gotas, ou refrescar algo…”, “Xa chove e fai frío dabondo en inverno!” é o máis suave que responde calquera. Exactamente, pero cando chove e vai frío, non miran a ninguén como se fose un marciano (ou un defensor da teoría de que ETA algo terá que ver cos atentados de Londres) cando esbardalla que xa está ben de tanta auga e a ver se para o frío. Non, nese caso os comentarios son de apoio unánime a tan atinada reflexión que resume o parecer de toda a humanidade mollada e aterecida. Nesta sociedade non hai liberdade de expresión para os aborrecedores do calor, señores.

E a maiores, como lle pasa ás empanadas que se requentan no forno, o calor saca o peor de nós, e non só nas tendencias musicais e no volume alevoso co que se prodigan. Por exemplo, está o caso das festas ou das vacacións, cousas que serían mellores se estivesen distribuídas ó longo do ano e non metidas a presión con calzador en dous meses. Ou da moda. A escusa do verán e a calor sirve para que a xente se poña prendas inenarrables, mentres que ninguén sae cunha tenda de campaña colgada do pescozo porque chove a cántaros.

E o peor de todo é que cando te amansas, asumes que es un tipo mal regulado térmicamente e limítaste a suar a chorro ata o borde da licuefacción sen queixarte, resulta que todo o mundo che empeza a comentar: “que pasada de calor, ¿non?”. Pois non.

(mércores, 13 de xullo de 05)