Etiquetas

s medios de comunicación galegos en xeral, e algúns en particular moito máis, parece que levaron un golpe na cabeza, ou dous: un o 19 de xuño e o outro o 28. Estase producindo o parto dun novo goberno e asistimos ós estertores dun réxime, dous fenómenos inéditos na nosa historia recente, somos protagonistas dun mes que conmoveu a esto que será o cú do mundo, pero é o noso cú, con perdón, e nós ó importante, a entrevistar bañistas.

Xa sei que un bañista convenientemente interrogado dá moito máis xogo que un político-tipo a medio torear. Tamén que as negociacións PSdeG-BNG non están dando moito xogo mediático (nin o deberían dar, desde o meu punto de vista profesionalmente incorrecto), pero a situación si que o dá. De feito, segundo definición dun colega veñen sendo como un rito de apareamento. Os corpos (políticos) executan danzas, danse a valer, acheganse e reviravoltan, antes de que a cousa acabe como todo o mundo sabe que vai acabar. Dentro do ritual, hai encontros supoño e desencontros. Un deles -sen quererlle facer a competencia ós confidenciais- son as queixas do BNG porque Touriño, despois da xuntanza do Hostal e dun xantar posterior, non descolgou o teléfono para chamar a Quintana. Os socialistas argumentan que a aparente frialdade é para non estragar con liortas negociadoras unha relación persoal que terá que ser necesariamente estreita dentro dun mes e catro anos por diante, cando menos.

A solución, como nas parellas a piques de formarse ou naquelas separadas educadamente, podería estar en que Touriño e Quintana quedaran para outras cousas máis distendidas que o duro trato negociador. Ir ó cine, personarse na rapa das bestas da Capelada, tomar uns vermús nunha terraza da Porta Faxeira, saudando ós paseantes. Esas cousas que reforzan a conexión coa que eles se fartaron a chamar na campaña “a sociedade civil”, a xente normal, que apreciaría uns gobernantes cos que o trato non fose terse que apartar da carretera mentres a comitiva presidencial, unha santa compaña de coches negros, pasa a todo meter camiño de ningures. (E ademais, haberá moita cousa que negociar, pero como di outro colega, o que a xente quere saber é se vai seguir Supermartes).

Pero tamén hai curiosidade social -veño de cortar o pelo e dou fe- por saber como se desenvolve o proceso paralelo. Se os directores xerais dan ou reciben ceas de despedida con discursos siempre-le-tendremos-presente-jefe, se son certos os rumores de que botan fume as trituradoras de papel, ou como se adxudicaron as contratas ás empresas de mudanzas. Xa saben, esas reportaxes de interese humano polas que se matan os redactores-xefes, pero con funcionarios de libre designación, que tamén teñen a súa parte humana. Ou senón, ir practicando o enferruxado periodismo de investigación tentando descubrir porque o goberno en funcións autoriza gastos para cousas como “o seguimento, control e soporte das actividades das Aulas Multimedia de Galicia” (204.000 €). Desvelarlle ó público por que é urxente facer o seguimento destas aulas, en que consiste o soporte, e como se deu feito ata agora sen cartos.

(Tampouco é que me pareza moi interesante, pero estou cheo dos bañistas e dos gallumbos de Laporta)

(xoves, 14 de xullo de 05)

Advertisements