Etiquetas

autoresatentado
Escribir do que se descoñece sempre é complicado –aínda que non imposible, como se pode ver-, e máis cando ese mundo ignoto é o do terrorismo, e moito máis aínda se un ten un xefe que envía razoados pero contundentes emails en canto le algo do que discrepa. Pero por moito que descoñezas, sempre hai alguén que descoñece máis, e lánzaste.

Por exemplo, non sei como alguén se sigue estrañando de que os autores do atentado de Londres fosen británicos de nacemento. O fenómeno dos fillos que recorren ó revés o proceso de aculturación dos pais inmigrantes é corrente, ben por rexeite xeracional, ben por reacción ante a relativa e incompleta integración paterna na sociedade de acollida.

O escritor anglopakistaní Hanif Kureishi, autor do guión de Mi hermosa lavandería (unha historia de amor entre un racista e un paki) ten un conto, Mi hijo el fanático (levado tamén ó cine), no que un pai asiste perplexo ó proceso de conversión do seu fillo nun islamista intransixente que lle reprocha a el a súa conducta, cos mesmos argumentos que un pai tradicional utilizaría contra un fillo badanas e descrido.
E cando souben da barbaridade do penúltimo atentado en Irak, aquel do suicida que mandou un coche bomba contra unha chea de nenos amoreados arredor duns soldados estadounidenses que lles repartían xoguetes e caramelos, primeiro quedei apampado, como todos, ante o que me pareceu o cimo da crueldade. Pero recordei a escena final de Apocalypse Now, cando o coronel Kurtz explica por que deixou a guerra e se montou a crueldade pola súa conta. Fora a unha aldea vietnamita a vacinar nenos contra a polio para congraciarse coa poboación, e cando se foron, foinos chamar un vello todo choroso: os do Vietcong cortáranlles ós nenos os brazos onde lles puxeran a vacina e amontoáronos na praza. “Alí deime de conta que non podiamos ganar contra unha xente que tiña tal nivel de convencemento que era capaz de cometer calquera atrocidade cos seus para demostrar que non quería nada de nós, dos invasores”, decía máis ou menos o Brando todo pelado que facía de Kurtz a Martin Sheen, o desnortado capitan que o foi buscar.

Ou sexa que coa situación que temos, soamente se poden sorprender de que pase o que pase os optimistas que consideran unha boa noticia o descenso do apoio ó terrorismo naqueles países islámicos que sufriron atentados. A porcentaxe de cidadáns que non están de acordo coa violencia para defender ó islam vai do 79% dos marroquís a só o 11% dos xordanos, e a confianza en Bin Laden oscila entre o 60% dos xordanos e o 51% dos pakistanís ó 7% dos turcos e o 2% dos libaneses. Se esas son as porcentaxes que baixaron, imaxinen como eran antes. En resumo, boa parte dos musulmáns teñen unha actitude ambivalente respecto ós métodos que se poden empregar para defender o islam, e deso dedúcese que a inmensa maioría pensa que o islam está sendo agredido. A única conclusión que nos queda é a mesma que sacaba Kurtz: “o horror, o horror”.

(luns, 18 de xullo de 05)

Advertisements