Antonte luns, 18, foi un día histórico, segundo me fartei de escoitar a todo o mundo, fóra pero sobre dentro do Parlamento, nos discursos pero tamén nas conversas menos formais, e tanto ós da nova e pelada maioría de esquerdas como na maioritaria minoría conservadora. Claro está que deben ter razón, pero a sensación que eu tiven foi algo distinta.

Está clara a historicidade do luns pasado porque é a primeira vez que se dá unha maioría parlamentaria progresista. O feito de que a xeración do 68, ex PC como Touriño, Villarino ou Méndez Romeu, cheguen ó poder vintecinco anos despois que en España é revelador do moderna que é a Galicia oficialmente existente. Que o fagan acompañados dun BNG que representa á seguinte xeración (Quintana, Ánxela Bugallo ou Aymerich eran menores de idade cando morreu Franco) pode significar que a Galicia realmente oficiosa non perdeu o paso dos tempos.

Teimando na lírica sociopolítica, a constitución do parlamento galego de antonte era a toma de posesión do país real. A sociedade de verdade, contradictoria e como para matala en moitos aspectos, enfrontándose á realidade e á utopía, que tamén son como para matalas moitas veces. As imaxes simbólicas desto que lles conto (dun xeito un tanto cursi) podían ser a emoción que embargaba a unha señora con tanta fama de dura como Dolores Villarino, ou ós deputados do Bloque, iniciando en grupo a marcha ata o hemiciclo -“vamos, ghalleghos”, dixo un- equipados cun caravel e co Sempre en Galiza, como xa é tradición. (Por certo, unha ex deputada contoume que, hai anos, unhas colegas do PP dixéranlle ó verlle o libro: “¡ay, déjame ver!… oye, pues a nosotras no nos lo dieron”).

Todo esto, ideoloxías aparte. O ex alcalde de Lugo e agora congresista do PP, Joaquín García Díez, discretamente ubicado na última fila da sala para o público, educado coma sempre, tamén me calificou a xornada de “histórica”. Un correlixionario seu, Dámaso (non recordo o apelido, para min é Dámaso, o excelente médico que atendía á miña avoa) non parecía precisamente apesarado por iniciar a súa carreira parlamentaria na oposición. E se nos deputados cesantes había procesión, iría por dentro, como no caso de Suso Veiga, que soamente poñía cara seria cando lle chamaban “conselleiro”.

Mesmo había unha curiosa solidariedade transversal entre cesantes e apeados. Apoteósicos abrazos, por exemplo, entre Alberte Núñez Feixoo e Xosé Cuiña, que ata me convidou a un café. “É un periodista. Peligrosísimo, pero boa persoa”, xustificou o convite ante dous compañeiros de barra e de partido. “A veces, que poñan unha coma ou un punto nun sitio ou noutro tén importancia”, chiscou o ollo. “Daquela, que sexa con gotas”, subín o prezo.

Como ven, un amor de acto, e tempo haberá para que se maten. Fóra, os conductores de Touriño e de Quintana confraternizaban. Igual que ós seus conducidos, máis lles vale ir practicando.

(mércores, 20 de xullo de 05)

Advertisements