O lume e a estupidez teñen en común o seu efecto destructor e expansivo: desque se poñen en marcha, arrasan todo canto atopan. En Guadalajara, uns estúpidos prenderon un lume que arrasou once vidas e unha chea de pinos. Alí tamén se prendeu unha onda de estupidez que, afortunadamente, respecta a vida física, pero ameaza gravemente a mental.

Por exemplo, uns tertulianos dunha emisora de tendencia progresista o que tiraban en conclusión da traxedia era que había que revisar as transferencias de competencias, habida conta de que non está moi claro que por aí se saiban manexar con elas. Cando os escoitei, ademais de imaxinar o que deben estar decindo nas emisoras doutras tendencias, pensei na última catástrofe que a administración central se empeñou en xestionar pola súa conta e a distancia (a tanta que o Administrador en Xefe non asomou o bigote polo sitio nun par de meses). A maiores, enténdese que se optou por crear administracións descentralizadas, ademais de para tentar contentar ós pelmas dos nacionalistas, porque se supoñía que o Estado actual é demasiado grande para resolver problemas pequenos (e demasiado pequeno para os problemas grandes). Esa e non outra é a razón da existencia dun goberno autonómico en Castilla-La Mancha.

Con esto non quero decir que o fixera ben a administración castelán-manchega. Supoño que non -polo menos, é a experiencia que teño en xestión de catástrofes-, e que polo tanto deberían rodar algunhas cabezas políticas en lugar de establecer que toda a culpa é do burro do excursionista que prende lume preto dun piñeiral. Entre as cabezas rodables, quizais debería de estar a do responsable da política de contratación dos equipos antiincendios: o perfil da gran maioría dos compoñentes do retén de Cogolludo que morreron en Riba de Saelices, era máis de amantes do campo que de técnicos en extinción de incendios, o que non lles quita o mérito a eles, pero si a quen llelo supuxo e o acreditou.

Con todo, un accidente pásalle ó máis avisado. O que si se pode evitar é que se propague a estupidez. A de aproveitar unha presunta e probable mala xestión do que parecía un incendio dominical para argumentar á contra sobre o debate estatutario, ou para descalificar á acción enteira dun goberno. O cimo, de momento, do oportunismo estúpido (o que os italianos popularizaron coa expresión, piove, porco governo!) é pedir a comparecencia da ministra de Medio Ambiente porque hai seca, e as secas prevense (aínda que non se saiba como a prevención poda remedialas).

Dada a inseguridade que hai neste país sobre como ter unha actitude moderna, a primeira vez que pasa algo é unha novidade e a segunda é unha tradición. No caso de Guadalajara, o seguidismo dos comportamentos alleos manifestouse na proliferación de psicólogos (50, máis de catro por víctima) e en agardar á completa identificación dos restos antes de divulgar as identidades, tipo Londres. A ver se a seguinte novidade-tradición é que a España oficial se comporte con serenidade ante as catástrofes.

(xoves, 21 de xullo de 2005)