Comparaba o outro día Carlos Luis Rodríguez a retirada do PP do goberno coa caída de Saigón, coa situación que se creou alí cando as derrotadas tropas dos EEUU abandonaron tanto a capital de Vietnam do Sur como o réxime dictatorial que sostiveran. Sen tentar competir coa sagacidade analítica do exiliado colega, a min recórdame máis as caídas de Marcos en Filipinas, de Trujillo na República Dominicana ou de Duvalier en Haití. En Saigón, os derrotados fóronse abandonando á súa sorte ós seus anteriores protexidos, deixándoos colgados completamente (e literalmente nalgúns casos, tentando subir ós últimos helicópteros).

caida de Saigón


Neses outros feitos históricos que cito, o réxime político caeu, pero as redes de intereses de todo tipo que creara, ou que xa estaban e medraron en simbiose co goberno, quedaron máis ou menos a salvo. Ferdinand Marcos tivo que saír, pero salvou ata a colección de zapatos da súa señora, e o Polo Club de Manila seguiu conservando o mesmo ambiente de sempre.

polo club

Non estou comparando o que pasará en Compostela co que pasou en Manila, Santo Domingo (daquela, Ciudad Trujillo, por certo, ¿a que me recorda?) ou Port-au-Prince. Ou non o estou comparando máis do que o comparou CLR coa súa habitual lucidez, agora máis rampante. Pero o certo é que no caso que nos ocupa, mentres se poda e non haxa que entregar o DOG, os compromisos vanse mantendo. Eu imaxino estes días e os pasados, os recados ou as chamadas telefónicas para recordar asuntos pendentes (“¿como va lo mío?”) como aseguran que lle pasou a un veterano político un día en que o seu futuro (e o dos seus compromisos) pendeu dun fío. Así, as decisións que estes días está tomando o goberno en funcións son fundamentalmente de dous tipos: ou cumprimento de favores comprometidos (esas adxudicacións de teórica urxencia que se poderían dentro de seis meses ou nunca, como minicentrais, parques eólicos, etc.) ou estertores do reparto do botín (eses pagos a empresas paradescoñecidas por traballos inverosímiles). Podería establecerse unha terceira tipoloxía, a de amargarllela vida ós sucesores (o convenio coa educación concertada, as concesións da televisión dixital), pero en realidade entran dentro dalgunha das outras dúas categorías.
Desgraciadamente, non hai para todos. Non é o mesmo repartir na abundancia que na escaseza, como demostra a concesión das licencias de televisión. Ignoro a bondade ou mediocridade das propostas escollidas (aparte de que parecería máis lóxico, penso, adxudicarlle as televisións ás propostas de capital galego), pero polo proceso seguido, parece que tamén as ignoran quen as concedeu. O argumento que invoca para todos estes asuntos o presidente en funcións é que ten a conciencia tranquila. O malo é que o que se cuestiona non é a súa conciencia. Polo menos ata agora non se cuestionaba.

(para luns 25 de xullo de 05)