Etiquetas

“¡Ganou Pereiro!” comunicoulle eufórico un político galego moi seguidor de eventos deportivos ó seu xefe de prensa. “¿Que demo ganaría Pereiro?” sorprendeuse este -pouco seguidor- nun primeiro momento, tal e como me contou días despois. Ata que caeu en que o que algo ganara non este Pereiro arriba asinante, senón Óscar Pereiro, o ciclista de Mos.

Aínda que de neno xogaba ás carreiras correndo a pata cos amigos polos carreiros, reencarnando e retransmitindo as fazañas de Eddie Merckx, non controlo nada de ciclismo. Mesmo desde que deixei de ser neno, o de montar en bicicleta préstame tanto como correr os cinco mil metros. Nin siquera o ciclismo me apasiona como deporte, habida conta de que hoxe parece que leva camiño de converterse nunha versión manual (non quero decir pedestre) da fórmula 1, na que importa tanto ou máis o que hai detrás do corredor que o corredor en si mesmo. Por eso me alegrei, paisanaxes aparte (patriotismos, os xustos) da victoria do meu teórico parente Óscar, porque é o éxito dun guerreiro dese clan da zona pontevedresa do Condado-Paradanta que nacen tolos por dar pedal, e teñen que buscar a vida deportiva en humildes clubs portugueses ou onde sexa con tal de facer profesión da súa devoción.

E tamén recoñezo que me alegro no que respecta a Google. Ata o lanzamento mundial do Pereiro Óscar, cando cometía o pecado de vaidade de procurar Pereiros nese buscador que é o Hall of Fame planetario, o que máis aparecía, a maiores do Pereiro de Aguiar e da fegresía de Pereiro (Portugal), eran o experto bitacoreiro Frank Pereiro, José María Mendiluce Pereiro (prestixioso líder alternativo hoxe en paradoiro descoñecido), Romina Pereiro (unha estarlete arxentina omnipresente nas páxinas de glamour e noutras máis prosaicas), Diana Pereiro (outra rioplatense, esta centrada na ximnasia rítmica), Bernardo Romero Pereiro (un dos reis do culebrón venezolano) e James Pereiro (un din que prestixioso teólogo do Opus Dei). Como ven, é de agradecer a escalada, nunca mellor dito, do Pereiro ciclista en internet.

Claro que, postos a confesar todo, a cousa fíxome gracia uns días. Aínda ma facía hai unha semana, cando Fermín Bouza me enviou un email dándome os parabéns pola etapa que ganei. Pero antonte, miña nai contoume que unha amiga parouna na rúa para transmitirlle a súa felicitación “por lo de tu hijo”. Miña nai sorriu orgullosa aínda que confusa (as nais non supoñen que calquera cousa que fagan os fillos é motivo de felicitación) ata que a outra lle precisou: “por ganar la carrera esa”. Así que aproveito este espacio para aclarar urbi et orbi que o heroe da bicicleta é Óscar.

(para luns 1 de agosto de 2005)

Advertisements