Non sei se seguiron con detalle o que para un amigo foi “o acto que lle deu sentido a boa parte da miña vida” (máis ou menos textualmente, e de feito estaba máis elegante que o día que casou, que se supón que tamén debeu ser un acto que lle deu sentido a outra boa parte da súa vida). Falo do acto da toma de posesión de Touriño onte.
Sobre o acto en si, segundo vexo nalgunhas páxinas web, hai división de opinións. Quero decir división de opinións entre os que estaban contentos por quen tomaba posesión, porque na política, como no fútbol de hoxe en día, xa non hai quen aprecie o espectáculo en si, independentemente de quen gane. As críticas dalgúns correlixionarios do novo presidente parece ser que tiraban polo elitismo cultural da montaxe, afastada da participación popular que lle acaería ó asunto. Non deixo de recoñecer que, en efecto, nada tan popular como uns abrazos con palmada recíproca nos lombos respectivos, con intercambio de bicos e suores, pero tamén había un señor que tornaba a inclemencia solar co clásico -e moi popular- pano con catro nos. Tamén lles confeso que houbo a quen lle pareceu o de onte unha especie de gala dos premios Goya, pero sen chistes (claro que esa opinión escoiteina no sempre rabudo sector prensa). Postos a ser repunantes, a min sooume un tanto estraña a percusión que acompañou a entrada conxunta de Touriño e Quintana no Obradoiro, e que lle deu a un feito altamente simbólico un certo aire torero/gladiador. Con todo, a posible estrañeza quedou compensada dabondo co fragmento de Erik Satie que serviu de fondo para o poema de Luis Pimentel que leu María Pujalte (“¡mira, la de Periodistas!”, escoiteille a unha turista).
Pero, en definitiva, sen lles quitar a razón que poidan ter os queixosos, eu apuntaría no haber do balance que fose a traída e levada sociedade civil –signifique o que signifique- a encargada de encher a praza do Obradoiro que antes ocupaban bandas (por moito que fosen de gaitas) en formación. Eso permitiu que se produciran curiosidades como ver a Lendoiro sentado entre sindicalistas. Ó cineasta e escritor madrileño Javier Rioyo abrazándose polo método popular co secretario de organización do BNG, Xosé Luís Barcia (¿coincidirían na mili?, pregunteime). Ó presidente da Audiencia da Coruña, Ángel Judel, apreciando o detalle de elegancia compostelá de poñer un botellín de auga debaixo de cada asento. Ou a Suso de Toro, que non deu evitado poñer ollos de guerra á hora de cantar o Himno.
E ademais, que non sufran os puristas, porque o máis emocionante do espectáculo foi o audiovisual (imaxes áreas de Galicia e música de Leilía) e o gaiteiro solitario. En canto á emoción política do acto, esas cousas van por dentro.
(para mércores, 3 de agosto de 05)
É a cúlminacion dun próceso impúlsado pola cídadania…
Defénderei os íntereses da miña terra por riba de cálquera outros….
Diálogarei e escóitarei…
…góberno ínedito formado por vez prímeira pola sócialdemocracia gáleguista e o nacionálismo démocratico…
Disque Tou tiña serios problemas cando chegou o momento playback-himno. E iso que só cantaron a primeira parte, coa consecuente alporización de Paco ao berro de “Subnormais, sodes todos subnormais” alí no Parlamento.
PoliSwing non, o outro.
Paco®, nefecto, montou unha boa polo que consideraba unha “mascarada”. Tan boa que cando un amigo común (noso) lle foi cun sorriso decíndolle “seica te cabreache” montoulla a el, chamándolle “sicario” e decíndolle “se che fixo tanta gracia, contao mañá no periódico”. Contivérono entre Jorquera e Pepa Vega. Como lle dixen ó amigo empacado: “claro, con esa sonrisita socialdemócrata que tes…” A ver se posteo todo o que me quedou no papo.
polo de pronto, non cairon na tentación de poñer a Carlos Nuñez no rol de gaiteiro principal: iso xa é un punto ao seu favor; e o da Real Filarmonía é outro punto, por elitista que lles poida parecer a algúns; o vídeo e a música que o acompañban na miña opinión, moi fermosos;
É que Suso Vaamonde (nada que ver co do cuco, morreumiñasograpariumeunhavaca e similares, DEP) évos gaiteiro funcionario do Igaem. Seino de boa man: sacou a praza por oposición, o que xa non sei se do grupo A, B ou subalternos. Así que está ben que o escolleran a el, que xa lle vai na nómina, en vez de ter que soltarlle unha millonada a Carlos Nuñez. Ai, estes gaiteiros da privada…
Non o puxeron, entre outras cousas, porque segundo o director do asunto, Miguel Piñeiro, case todos os elementos estaban pillados do sector público: Suso Vaamonde, o gaiteiro, está en plantilla no IGAEM, e as imaxes do audiovisual eran propiedade da Xunta, que as tiña por aí arrombadas. A única contratada
dixéronme que convidadapenso que era María Pujalte. Ignoro a procedenciapública ou privadados anacos de moqueta.Porra, María, adiantáchesteme. No meu propio bló, que verjonsa. (Por certo, ¿como leche se dá posto a hora correcta, quero decir a antinatural que nos impoñen, as 7,32 e non as 5,32?)
🙂
Nas “Options” do bloguisome.O meu vai pola hora galega.
xa fedellei xa, e nin caso, pero fedellar, fedellarei again, loguiño de clarear.
Fedellado, e a ver…
Cona, nada
Non te mates, a min tampouco me vai. Terás que conformarte con ir pola hora de Groenlandia e das Açores, mira que exótico.