Non sei se seguiron con detalle o que para un amigo foi “o acto que lle deu sentido a boa parte da miña vida” (máis ou menos textualmente, e de feito estaba máis elegante que o día que casou, que se supón que tamén debeu ser un acto que lle deu sentido a outra boa parte da súa vida). Falo do acto da toma de posesión de Touriño onte.

Sobre o acto en si, segundo vexo nalgunhas páxinas web, hai división de opinións. Quero decir división de opinións entre os que estaban contentos por quen tomaba posesión, porque na política, como no fútbol de hoxe en día, xa non hai quen aprecie o espectáculo en si, independentemente de quen gane. As críticas dalgúns correlixionarios do novo presidente parece ser que tiraban polo elitismo cultural da montaxe, afastada da participación popular que lle acaería ó asunto. Non deixo de recoñecer que, en efecto, nada tan popular como uns abrazos con palmada recíproca nos lombos respectivos, con intercambio de bicos e suores, pero tamén había un señor que tornaba a inclemencia solar co clásico -e moi popular- pano con catro nos. Tamén lles confeso que houbo a quen lle pareceu o de onte unha especie de gala dos premios Goya, pero sen chistes (claro que esa opinión escoiteina no sempre rabudo sector prensa). Postos a ser repunantes, a min sooume un tanto estraña a percusión que acompañou a entrada conxunta de Touriño e Quintana no Obradoiro, e que lle deu a un feito altamente simbólico un certo aire torero/gladiador. Con todo, a posible estrañeza quedou compensada dabondo co fragmento de Erik Satie que serviu de fondo para o poema de Luis Pimentel que leu María Pujalte (“¡mira, la de Periodistas!”, escoiteille a unha turista).

Pero, en definitiva, sen lles quitar a razón que poidan ter os queixosos, eu apuntaría no haber do balance que fose a traída e levada sociedade civil –signifique o que signifique- a encargada de encher a praza do Obradoiro que antes ocupaban bandas (por moito que fosen de gaitas) en formación. Eso permitiu que se produciran curiosidades como ver a Lendoiro sentado entre sindicalistas. Ó cineasta e escritor madrileño Javier Rioyo abrazándose polo método popular co secretario de organización do BNG, Xosé Luís Barcia (¿coincidirían na mili?, pregunteime). Ó presidente da Audiencia da Coruña, Ángel Judel, apreciando o detalle de elegancia compostelá de poñer un botellín de auga debaixo de cada asento. Ou a Suso de Toro, que non deu evitado poñer ollos de guerra á hora de cantar o Himno.

E ademais, que non sufran os puristas, porque o máis emocionante do espectáculo foi o audiovisual (imaxes áreas de Galicia e música de Leilía) e o gaiteiro solitario. En canto á emoción política do acto, esas cousas van por dentro.

(para mércores, 3 de agosto de 05)

Advertisements